Presentación: «III Edición do programa 'Galicia Open Future'»

O salón de actos do CiTIUS acollerá o vindeiro mércores 13 de abril a presentación da III Edición do Programa de Emprendemento 'Galicia Open Future', que ofrece a 50 start-ups galegas a posibilidade de desenvolver proxectos empresariais innovadores durante seis meses. Ao longo deste período de incubación, as empresas seleccionadas recibirán formación e asesoramento especializado en base ás diferentes fases de maduración do seu proxecto e modelo de negocio, así como unha axuda económica de 2.000 euros a través do Programa de Incentivos da Xunta. Ademais, as tres mellores startups recibirán unha aportación de ata 25.000 euros da Axencia Galega de Innovación, atendendo aos seguintes aspectos:

  • Aportación aos sectores estratéxicos de Galicia.

  • Innovación.

  • Potencial de mercado.

  • Grao de maduración e viabilidade.

  • Composición multidisciplinar, motivación e utilización de tecnoloxía diferencial.

    Así mesmo, as empresas do programa poderán acceder tamén a un préstamo reembolsable concedido por XesGalicia, por un valor máximo doutros 25.000 euros.

    A inscrición no programa deberá formalizarse cumprimentando o formulario habilitado na páxina web do programa, e ten como data límite o vindeiro 15 de abril.

    3 anos apostando polo talento

    Galicia Open Future, iniciativa promovida por Telefónica e a Xunta de Galicia a través de AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia) nace co fin de impulsa-la xeración de riqueza e emprego en Galicia, e o seu obxectivo fundamental é conectar a emprendedores, startups, investidores e organizacións públicas e privadas de todo o mundo. Desde a súa posta en marcha, 330 iniciativas emprendedoras conseguiron consolida-lo seu plan de negocio, establecendo unha potente rede de contactos con inversores e clientes.