A tese dunha investigadora do CiTIUS acada o Cum Laude

A investigadora do CiTIUS Natalia Abel Fernández García foi recoñecida coa máxima cualificación (Apto Cum Laude) pola defensa da súa tese «Metodoloxía de Partición e Desprazamento: Superando Limitacións Hardware en Matrices de Procesadores Celulares para Procesado de Imaxe».

Presentado o pasado 9 de novembro e dirixido polos profesores adscritos ó CiTIUS Diego Cabello Ferrer e Víctor Manuel Brea, o traballo aborda o estudio das limitacións dos sistemas de «Matrices de Procesadores Celulares» e «Redes Non-lineais Celulares».

Malia ofrecer un paralelismo masivo -moi útil para aplicacións que precisen un alto rendemento, coma o procesado de imaxe en tempo real- estes sistemas presentan unha serie de limitacións, derivadas do modelo de procesamento local (é dicir, a nivel «píxel») no que se basean.

Para superar estas barreiras, a tese de Fernández García propón unha serie de solucións, que foron avaliadas exitosamente sobre implementacións reais dalgunhas das operacións de procesamento local máis comúns. As aplicacións prácticas destas achegas no eido do procesado da imaxe son múltiples, cubrindo necesidades como a detección de obxectos, a detección de movemento ou a recuperación de imaxes.

A autora salienta que este tipo de técnicas poden resultar de moita utilidade nun amplo abano de aplicacións, especialmente aquelas que precisen dunha alta velocidade de resposta en tempo real. Segundo a propia investigadora, «as técnicas poden ser moi útiles para as novas aplicacións de realidade aumentada, pero tamén para o procesamento de imaxe médica, ou mesmo para a identificación de persoas».