A transferencia dos avances tecnolóxicos á sociedade baixo reflexión no CiTIUS

O CiTIUS celebrou este luns a conferencia “A transformación do coñecemento científico en coñecemento aplicado. O caso de Virtual Solutions” que abordou as fórmulas que poden empregar os investigadores para que os seus proxectos callen no tecido social e produtivo. A charla formou parte da xornada inaugural do Máster Universitario en Tecnoloxías da Información da USC, impartido maioritariamente por profesores do CiTIUS.

O relator, Juan Luis Castro Peña, catedrático da Universidade de Granada e CEO de Virtual Solutions, analizou o estado no ámbito da investigación, que malia publicar gran cantidade de artigos e obter patentes non consegue trasladar os seus avances á vida cotiá.

En opinión de Castro Peña a comunidade científica asumiu como indicador principal da relevancia das investigacións o volume de publicacións en medios, prestixio destes e as referencias feitas, aplicando un baremo máis cuantitativo ca cualitativo e perdendo a correlación necesaria entre a calidade da investigación e os índices que a avalían.

O catedrático da Universidade de Granada puxo como exemplo o ámbito das tecnoloxías informáticas en España, eido que xera multitude de publicacións e citas e, non obstante, non logra avances salientables. Considera que esta falta de rigor na avaliación tamén abrangue a outros índices, como o rexistro de patentes, afectado tamén pola falta de transferencia.

O reto da transferencia á sociedade

Castro Peña propuxo reconducir as investigacións e orientalas aos resultados, de xeito que xeren posibilidades de negocio e colaboracións reais. Neste senso achegou a súa experiencia á fronte de Virtual Solutions, a Electronic Benefit Transfer (EBT) da Universidade de Granada que xurdiu para transferir os resultados obtidos en proxectos de investigación nas áreas da linguaxe natural, razoamento, tecnoloxías web e multimedia. De feito, esta EBT desenvolveu asistentes virtuais para distintas organizacións, pemes e universidades.

O relator compartiu cos asistentes cales son os sectores máis favorables, as pautas a seguir, os posibles erros e o balance económico e persoal de transferir avances tecnolóxicos para o seu aproveitamento social.