A USC acada a 1ª posición europea nas áreas de Matemáticas e Computación

A Universidade de Santiago apuntala o seu liderado na área de Matemáticas e Ciencias da Computación. Así o confirma o prestixioso CWTS Leiden Ranking 2013 (www.leidenranking.com/ranking), recentemente publicado pola Universidade de Leiden (Países Baixos).

O ranking é o resultado dunha análise bibliométrica que mide a calidade científica das 500 mellores universidades do mundo, e está baseada nas publicacións indexadas na Web of Science no período 2008-2011. A área de Matemáticas e Ciencias da Computación é unha das 5 grandes áreas nas que o CWTS Leiden Ranking divide a investigación científica para a súa análise, e inclúe 20 subáreas da Web of Knowledge entre as que se atopan lóxica, telecomunicacións, robótica, intelixencia artificial, cibernética, hardware e arquitecturas, sistemas de información, enxeñaría de software, teoría e métodos e aplicacións interdisciplinares.

No número medio de citas normalizado das publicacións (é dicir, a media de ocasións nas que outros autores citan unha publicación da USC, normalizado por diferenzas dependentes do ámbito e o ano de publicación), a universidade compostelá emerxe como a 1ª de Europa. Neste mesmo indicador, a USC sitúase na 3ª posición mundial, só por detrás da Universidade de Stanford e o Caltech, quedando por diante de centros tan prestixiosos como o MIT (Massachussets Institute of Technology), a Universidade de Harvard ou a Universidade de Berkeley, entre outros. A USC é ademais a única universidade non americana que figura nas primeiras 10 posicións deste ranking.

Os resultados no indicador PP top 10% son igualmente notables. Este indicador avalía a proporción de publicacións dunha universidade que, en comparanza con outras do mesmo eido e ano, se encontran entre o 10% das máis citadas. Neste caso, a Universidade de Santiago sitúase na 1ª posición nacional, 4ª posición europea e 25ª mundial.

A continuación recóllense algúns dos datos publicados no Ranking CWTS 2013:

Área de Matemáticas e Computación

Indicador

Europa

Mundo

Número medio de citas normalizado

1ª posición

3ª posición

Número medio de citas das publicacións

2ª posición

9ª posición

Proporción de publicacións da universidade que están entre o 10% de publicacións máis citadas, en comparación coas publicacións do mesmo campo e ano

4ª posición

25ª posición

Estes resultados avalan a calidade da investigación realizada na USC na área de Tecnoloxías da Información, a miúdo recoñecida polos diferentes indicadores utilizados para a medición da produción científica. Un deles é o prestixioso Ranking ISI, estándar para medir a calidade investigadora das universidades españolas, que sitúa a USC como 2ª universidade nacional no que respecta á calidade da súa investigación.