Alejandro Ramos acada un dos Premios de Investigación SCIE - Fundación BBVA

Os novos galardóns, creados de forma conxunta pola Sociedade Científica Informática de España (SCIE) e a Fundación BBVA, recoñecen a «creatividade, orixinalidade e excelencia» dos novos doutores.

«O máis bonito que ten pasado coa miña tese é que adquiriu unha dimensión de utilidade real». Alejandro Ramos Soto non agochaba a súa ledicia ao recibir a nova: o xurado recoñecía ao investigador posdoutoral do CiTIUS como un dos seis doutores distinguidos a nivel nacional na I Edición dos Premios de Investigación Sociedade Científica Informática de España-Fundación BBVA.

Dirixidos a doutores menores de 30 anos que desenvolveran a súa tese nunha universidade ou centro científico de España, os novos galardóns pretenden servir de estímulo ao seu labor, recoñecendo públicamente a calidade dos seus traballos e poñendo en valor «a súa creatividade, orixinalidade e excelencia».

Un novo paradigma

Alejandro Ramos doutorouse en Tecnoloxías da Información o pasado mes de decembro, logo de defender con éxito a súa tese desenvolvida ao longo dos últimos anos no Grupo de Sistemas Intelixentes do CiTIUS.

A principal contribución do traballo é que, por primeira vez, aplicáronse teorías de conxuntos borrosos (ou fuzzy sets) ao ámbito das tecnoloxías de tradución automática de datos a texto (Data-To-Text technologies - D2T); un novo paradigma que ofreceu como resultado un sistema capaz de converter automaticamente a linguaxe natural os datos de carácter numérico-simbólico empregados por MeteoGalicia, a axencia meteorolóxica galega.

Así, a ferramenta GALiWeather –que acumula xa máis de 13 millóns de visitas online- ‘traduce’ diariamente a previsión meteorolóxica para os 314 municipios da comunidade dunha maneira flexible e precisa, atendendo aos matices de xeito moi semellante a como o faría un experto humano.

A tese supuxo tamén unha achega científica moi relevante no eido teórico, xa que por primeira vez propón a colaboración de dúas disciplinas que tradicionalmente non traballaran de maneira conxunta: a intelixencia computacional (máis concretamente, a lóxica borrosa) e a xeración de linguaxe natural (Natural Language Generation - NLG). «Teñen un potencial de relación que ata o de agora non se aproveitara», afirma Alejandro Ramos. O traballo abriu unha liña de colaboración internacional coa Universidade de Aberdeen (Escocia), á que se incorporará proximamente o Instituto de Lingüística da Universidade de Malta.

Apoiar a excelencia para reter o talento

«España non pode quedar atrás á hora de aportar innovación á era dixital. Hai moito talento, e temos que aproveitalo». Así de convencido amosábase Antonio Bahamonde, presidente da federación que agrupa as oito sociedades científicas creadas arredor das distintas áreas da enxeñería informática: a Sociedade Científica Informática de España (**SCIE). «Asistimos a momentos de grandes retos para as Tecnoloxías da Información, temos que apoiar a investigación de excelencia», asegura.

Pola súa banda, o presidente do xurado Francisco Tirado Fernández, catedrático de Arquitectura e Tecnoloxía de Computadores na Universidade Complutense de Madrid, resaltou a alta calidade das candidaturas e a diversidade de áreas concorrentes: «estes premios contribúen a identificar e dar visibilidade a novos investigadores excelentes», afirma. E sinala especialmente o impacto que poden ter na carreira dos novos científicos: «no momento actual este recoñecemento pode ser moi importante, tendo en conta o risco de que o ámbito académico español non poida acollelos debido ás dificultades ás que se enfrontan hoxe universidades e centros de investigación para ofrecer prazas estables», sentencia.