Alta presenza do CiTIUS no 'Machine Learning Workshop Galicia 2016'

Numerosos investigadores do centro participarán como relatores ao longo desta xornada

Ao longo deste workshop, avalado por un Comité Científico do que forma parte o investigador postdoutoral do CiTIUS David Mera, numerosos investigadores do centro amosarán distintos proxectos desevolvidos en diversas áreas de traballo, como o estudio dos sistemas de recomendación, o tratamento de imaxes hiperespectrais ou a detección de obxectos nas imaxes dixitais (entre outros tópicos), abordanto as potencialidades destas tecnoloxías nos sectores de referencia da comunidade a través dos seguintes relatorios:

  • Recommender Systems: machine learning vs. theoretical approaches (Paula Saavedra, Pablo Barreiro, Roi Durán, Ameed Almomani, Rosa Crujeiras,Maria Loureiro e Eduardo Sánchez Vila).

  • S-FRULER: aprendizaxe automática escalable de regras de predicción en Big Data (Ismael Rodríguez-Fdez, Manuel Mucientes e Alberto Bugarín).

  • Clasificación de Imaxes Hiperespectrais baseada en Kernel ELM sobre GPU (Alberto S. Garea, Dora Blanco Heras e Francisco Argüello).

  • Deep Learning para a detección de obxectos en imaxes (Brais Bosquet, Manuel Mucientes e Victor Brea).

  • Aplicación de técnicas de selección de características para a mellora de los sistemas automáticos (David Mera, Verónica Bolon-Canedo, Jose Manuel Cotos e Amparo Alonso-Betanzos).

  • Robots que aprenden de ti e coma ti. Aplicación en robots guía (Roberto Iglesias Rodríguez, Carlos Vázquez Regueiro, Xosé Manuel Pardo López e Miguel A. Rodríguez González).

  • Machine learning for the management of agricultural soil data (M.S. Sirsat e M. Fernández Delgado).

    Machine Learning: sistemas con capacidade de aprender de maneira automática

    Machine Learning Workshop Galicia 2016 nace co propósito de presentar os proxectos e resultados derivados da utilización das tecnoloxías Machine Learning (ML) nas universidades, centros de investigación, centros tecnolóxicos e empresas de Galicia, tanto dende o punto de vista do seu uso como a nivel de desenvolvemento específico de novos algoritmos; por outra banda, a xornada pretende servir para identificar as posibilidades destas tecnoloxías nos sectores de referencia en Galicia, así como para explorar as eivas e necesidades en infraestruturas ou as posibles sinerxias.

    As tecnoloxías asociadas á aprendizaxe máquina empréganse cada vez máis en eidos como a investigación ou a xeración de servizos vinculados á sociedade da información (servizos de recomendación, clasificadores, etc.), así como na xestión dos sistemas de produción (detección de anomalías, predición de erros, sistemas de control, etc.). Ademais, distintos factores teñen convertido esta tecnoloxía nun referente actual en case cualquera campo de coñecemento e da técnica, como a dispoñibilidade de contornas computacionais cada vez máis potentes, a mellora nos algoritmos de aprendizaxe, a aparición do Deep Learning ou o acceso a un conxunto de datos cada vez maior co menor custe posible.