Ampliación do prazo de presentación de solicitudes ao «Acelerador de Transferencia»

A USC, a través da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) acordou ampliar o prazo de presentación de propostas ao Acelerador de Transferencia ata o vindeiro 24 de xullo!!

O Acelerador de Transferencia ten por obxectivo avanzar no proceso de maduración de resultados de investigación, facilitando a súa transferencia ao entorno social e económico seguindo a práctica doutros referentes nacionais e internacionais. Este programa está aberto aos Grupos de Investigación de todas as áreas de coñecemento que teñan identificado algún resultado de investigación con potencial de transferencia.

Esta iniciativa, que nace cunha vocación de permanencia, non ten por obxecto financiar novos proxectos de investigación nin continuar investigacións xa iniciadas. O propósito do Acelerador de Transferencia é levar a cabo as accións necesarias para cubrir a fenda entre os resultados do que tipicamente se considera un proxecto de investigación (financiados a través das distintas fontes que os Grupos de Investigación coñecen sobradamente) e un coñecemento o suficientemente maduro para que resulte de interese para unha empresa ou outro axente externo, co obxectivo de aumentar as posibilidades de transferencia e polo tanto o seu valor.

Para que un proxecto sexa elexible para o Acelerador de Transferencia debe reunir 3 condicións esenciais:

  • Identificar claramente cal é a brecha existente entre o resultado de investigación e o mercado.

  • Garantir o cambio dun estado inicial A a outro B onde (de resultar exitoso) se teña o compromiso dun terceiro para continuar o proceso.

  • Debe existir un destinatario final ou socio desenvolvedor para o proceso de transferencia co cal (no caso de que o proxecto resulte exitoso) se establecería un acordo de licenza ou se procedería á creación dunha spin-off.

    Nesta ligazón pódese consultar toda a información da convocatoria.