Bolsas de Verán CiTIUS 2018

Se che gustan as Tecnoloxías da Información, podes ter a túa primeira experiencia investigadora no CiTIUS!

O CiTIUS convoca a cuarta edición do seu programa de bolsas de verán, ofrecendo 10 axudas dirixidas a estudantes de grao ou máster que desexen ter a súa primeira experiencia investigadora no eido das Tecnoloxías da Información (TI). As bolsas, dotadas con 700 euros máis unha axuda de gastos de viaxe para alumnos non residentes en Santiago de Compostela, teñen como obxectivo o financiamento de estadías de investigación no CiTIUS durante o mes de xullo.

Durante a estadía, os beneficiarios desenvolverán un proxecto de investigación dirixido por un dos investigadores adscritos ao centro, encadrado nas liñas dos Programas Científicos do CiTIUS. O obxectivo é que os estudantes teñan un primeiro contacto coa investigación en áreas coma o Big Data, a Visión artificial, as Tecnoloxías da linguaxe ou a e-Saúde. Ademais, durante o período de duración da bolsa, poderán participar na actividade formativa desenvolvida no CiTIUS, que inclúe a asistencia a cursos, relatorios de investigadores de prestixio internacional ou presentacións das ferramentas informáticas máis actuais no eido das TI.

REQUIRIMENTOS

Os candidatos deberán ter finalizado o terceiro curso dos seus estudos de grao en Informática, Enxeñería de Telecomunicación, Matemáticas, Física ou disciplinas afíns, ou ben ter superado 140 créditos cunha nota media igual ou superior a 8,0.

SOLICITUDES

Os interesados deberán remitir a documentación requirida a citius.idi@usc.es indicando no asunto [SUMMER FELLOWSHIPS] antes do mércores 2 de maio ás 23:59 h (CEST).

Consulta as bases e descarga o formulario de inscrición