Bolsas de verán CiTIUS 2021

O  CiTIUS lanza por sétimo ano consecutivo unha nova convocatoria de bolsas de verán, dirixida a estudantes de graos relacionados coas Tecnoloxías Intelixentes

O CiTIUS convoca a sétima edición do seu programa de bolsas de verán, ofrecendo 14 axudas dirixidas a estudantes de grao que desexen ter a súa primeira experiencia investigadora no campo das Tecnoloxías Intelixentes. As bolsas teñen como obxectivo o financiamento de estadías de investigación no CiTIUS durante o próximo mes de xullo. Durante a estadía, as persoas beneficiarias desenvolverán un proxecto de investigación dirixido por persoal investigador ao centro, encadrado nas liñas dos Programas Científicos do CiTIUS. O obxectivo é que os estudantes teñan un primeiro contacto coa investigación en áreas como Big Data, Visión artificial, Robótica, Sensórica, Tecnoloxías da Linguaxe, Computación de Altas Prestacións, Intelixencia Artificial, Nanotecnoloxía ou e-Saúde. Ademais, durante o período de duración da bolsa, poderán participar na actividade formativa desenvolvida no CiTIUS, que inclúe a asistencia a cursos, conferencias de persoal investigador de prestixio internacional ou presentacións das ferramentas informáticas máis actuais no campo das TI.

As bolsas están dotadas con 750 € brutos máis unha axuda para alumnos/as non residentes en Santiago de Compostela destinada ao financiamento dos gastos de transporte, cun importe máximo de 200 € para estudantes de fóra de Galicia e até 80 € para estudantes residentes noutros concellos de Galicia.

REQUISITOS

Os/as aspirantes deberán superar o 55% dos créditos dos seus estudos de grao en Informática, Telecomunicación, Matemáticas, Física ou disciplinas afíns, cunha nota media igual ou superior a 8,0.

SOLICITUDES

Os/as interesados/as deberán remitir a documentación requirida a través da Sede Electrónica da Universidade de Santiago de Compostela, usando o formulario de solicitude dispoñible neste enderezo dirixida ao Servizo de Convocatorias e Recursos Humanos de I+D, antes do 21 de maio ás 23:59 h (CEST). Xunto ao formulario de solicitude deberá anexarse a seguinte documentación:

  • Copia da certificación académica do grao ou título equivalente no que consten as cualificacións obtidas e con expresión da nota media en base 10. No suposto de realizar estudos no estranxeiro nun idioma diferente ao inglés, a certificación deberá presentarse coa tradución oficial ao español ou galego.
  • Copia do xustificante de matrícula correspondente ao curso 2020/2021 ou documento acreditativo expedido pola universidade correspondente.
  • Currículo vitae da persoa solicitante.
  • Carta de motivación coa expresión do interese na obtención da bolsa.

AVALIACIÓN

A ordenación das solicitudes farase de acordo cos seguintes criterios, sobre unha puntuación máxima de 10 puntos:

  • Expediente académico da persoa solicitante, que suporán o 70% da valoración obtida.
  • Currículo vitae presentando, no que se terán en conta as publicacións, premios e a formación relacionada co obxecto das bolsas, entre outros aspectos. Este apartado suporá o 20% da valoración obtida.
  • Expresión de interese das persoas aspirantes formulada na carta de presentación, que suporá o 10% da valoración obtida.

Máis información nas bases reguladoras ou enviando un correo a citius.kmt@usc.es, indicando no asunto [SUMMER FELLOWSHIPS].

Financiado por