CiTIUS e CESGA presentan un proxecto de implantación de tecnoloxías intelixentes na industria

Arrinca un novo proxecto para a mellora da competitividade da empresa madeireira FINSA, trala validación en fábrica do sistema baseado en técnicas de Intelixencia Artificial (IA), que ten logrado xa a automatización de distintos procesos industriais.

Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia (GAIN) asistiu na mañá de hoxe ao acto de presentación da segunda fase do proxecto ‘Sistemas intelixentes para a Industria 4.0’, unha colaboración coa que o CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago - USC) e o CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia) contribuirán a mellorar a competitividade de FINSA (Financeira Madeireira S.A).

O acto tivo lugar nas instalacións da planta OREMBER, situada no polígono industrial San Cibrao das Viñas (Ourense). Nunha visita guiada xunto aos responsables do proxecto, representantes da compañía e os directores de CiTIUS e CESGA (Senén Barro e Mauro Fernández Dabouza), a directora de GAIN tivo ocasión de coñecer as vantaxes dos sistemas intelixentes desenvolvidos polo equipo de investigación coordinado polos científicos David Mera (CiTIUS), Andrés Gómez (CESGA) e Santiago Recamán (FINSA).

Os representantes de CiTIUS e CESGA subliñaron a importancia da continuidade deste labor investigador, insistindo na necesidade de incorporar coñecemento técnico para a procura de solucións 4.0 destinadas á industria galega. As mesmas fontes incidiron no feito de que estes proxectos se desenvolveran en centros de investigación situados na comunidade galega.

Pola súa banda, a directora de GAIN, que preside tamén o Padroado do CESGA, manifestaba que este proxecto permite pór en valor «as capacidades que posúe o noso sistema galego de innovación e, particularmente, os nosos centros de coñecemento, que, grazas á transferencia do seu coñecemento a industria, contribúen a mellorar a competitividade do noso tecido produtivo e, por ende, da economía galega». Así mesmo, destacou a aposta da madeireira galega pola Industria 4.0 ou Fábrica Intelixente, en liña cos obxectivos da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia e a Axenda Galicia Industria 4.0, que perseguen implantar un novo modelo industrial para a Galicia do futuro.

Intelixencia artificial para a Industria 4.0

A presentación desta segunda fase confirma a continuidade dos acordos de colaboración, tralos bos resultados obtidos no proxecto de investigación que CiTIUS, CESGA e FINSA teñen desenvolvido ao longo dos últimos dous anos e medio. Durante este tempo, o equipo de investigadores traballou xunto aos técnicos de FINSA no deseño de algoritmos baseados en técnicas de Intelixencia Artificial (IA), co obxectivo de controlar de xeito automatizado distintos procesos industriais na planta OREMBER, ata o de agora de difícil control.

O reto proposto pola empresa consistía en obter unha solución tecnolóxica á medida que puidese mellorar a calidade dos seus produtos, aproveitando a inxente cantidade de datos xerados durante a fabricación dos taboleiros de Fibra de Densidade Media (MDF, polas súas siglas en inglés), empregados na construción de mobiliario moderno.

Froito desta colaboración, desenvolvida integramente en Galicia polo CiTIUS e o CESGA desde 2017, e validada xa en FINSA Orember, asínase agora un novo contrato de investigación de 5 anos de duración, que manterá esta actividade científica nas dúas institucións contratadas: o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela (CiTIUS) e o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).

Mellora da competitividade empresarial a través da tecnoloxía

A firma do acordo permitirá profundar na utilización en fábrica das tecnoloxías de Intelixencia Artificial, Big Data e Computación de altas prestacións, poñéndoas ao servizo do conxunto de procesos de fabricación necesarios para obter o produto de calidade demandado polos clientes. A ‘Industria 4.0’ (coñecida tamén como ‘Cuarta revolución industrial’, ‘Industria intelixente’​ ou ‘Ciberindustria’) é xa unha realidade, que será determinante ao longo dos próximos anos en todo tipo de sectores. As empresas atópanse inmersas nun proceso de transformación tecnolóxica que avanza imparable, establecendo fórmulas que preserven a súa capacidade de competir no mercado. O modelo de alianza entre FINSA, CESGA e CiTIUS, aposta porun equipo interdisciplinario que aglutina empresa, tecnoloxía e academia para, a través do coñecemento e a capacidade, e cunha implicación a pé de planta, poder traballar sobre procesos e produtos reais.