CiTIUS e CiQUS reivindícanse en Europa coa adxudicación de novos proxectos de investigación transnacional

O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) liderará unha das 3 novas redes europeas concedidas pola Comisión Europea ao amparo das axudas ETN (European Training Networks), unha iniciativa do Programa H2020 cun altísimo grao de competitividade, cuxa taxa de éxito sitúase por baixo do 10%.

Integrando a información rexistrada por sensores de distinta natureza

A cadea de éxito complétase cun segundo proxecto adxudicado ao CiTIUS, que representa a unha das 4 universidades beneficiarias na proposta MENELAOS_NT; ata 11 institucións involucradas en toda Europa abordarán o problema crecente da exploración e xestión da nosa contorna, co propósito de apoiar no proceso de toma de decisións sobre os desafíos clave da sociedade: agricultura sustentable, coidado e protección de bosques e montes, bioeconomía, cambios ambientais, eficiencia nos recursos, ou protección da liberdade e a seguridade no marco social europeo. MENELAOS_NT afrontará o reto de combinar de maneira óptima a información proporcionada por sensores de características distintas (con resultados en diferentes escalas e resolucións e, polo tanto, cunha fiabilidade variable), co obxectivo de illar a información relevante do ruído e proporcionar así unha información máis sofisticada e fidedigna.

Un ecosistema investigador de primeiro nivel

As axudas ETN enmárcanse na acción comunitaria Redes de Formación Innovadoras (Innovative Training Networks - ITN), que teñen como finalidade formar unha nova xeración de investigadores creativos e innovadores, capaces de transformar os coñecementos e as ideas en produtos e servizos para o beneficio económico e social da Unión Europea (UE). Con elas, Bruxelas promove a creación dunha rede internacional de centros públicos e privados concibida para impulsar a formación científica de alto nivel, que permite a contratación de mozos científicos que non dispoñan aínda do título de doutor e estean nos seus primeiros 4 anos de carreira investigadora (Early Stage Researchers – ESR). Trátase dunha iniciativa de extrema competitividade, xa que menos de 10 de cada 100 propostas de ETN son avaliadas favorablemente.

As novas redes, que terán unha duración total de 4 anos naturais, non só ofrecerán un saldo total de 38 novas teses: tamén darán lugar a 16 encontros científicos; asemade, os consorcios propiciarán a organización de máis de 50 actividades de formación, 30 seminarios de capacitación en habilidades complementarias (xestión, emprendemento, transferencia, comunicación…), 2 encontros industriais, 2 escolas de verán e 2 escolas de outono.