CiTIUS e ILG dotarán de Intelixencia Artificial ao proxecto 'Nós', a nova aposta estratéxica da Xunta pola lingua galega

A nova iniciativa permitirá introducir o galego no ecosistema dixital a través das tecnoloxías intelixentes, grazas á maior inversión que se ten realizado a prol da lingua, «o máis prezado sinal de identidade que temos», en palabras do reitor da USC, Antonio López.

Nós disporá dun investimento total de máis de quince millóns de euros, alén da creación de novos postos de traballo na nova industria do coñecemento e desenvolvemento tecnolóxico, cun alto nivel de cualificación e especialización, de calidade e cun alto valor engadido. En concreto, Nós permitirá contratar e formar máis dun cento de profesionais e investigadores. Porén, o seu principal impacto virá da man do desenvolvemento de novos produtos e servizos ao redor das tecnoloxías da fala e da Intelixencia Artificial en xeral, cun impacto directo moi importante no tecido produtivo galego que terá un efecto tractor nunha área de importancia estratéxica. Ademáis, calquera institución ou empresa galega ou de fóra de Galicia, poderá acceder de balde a produtos como sistemas de síntese de voz, de recoñecemento de fala, de xeración automática de texto, de diálogo ou axentes conversacionais, de tradución automática, de extracción de información e minaría de textos, así como resumidores e orrectores lingüísticos automáticos.

O proxecto Nós é un dos grandes proxectos cos que o goberno autonómico aspira a captar fondos Next Generation. Trátase dun proxecto plenamente coincidente cos obxectivos marcados desde Bruxelas para o uso deses fondos e con diferentes liñas do Plan de Recuperación e Resiliencia (que o goberno central ven de remitir a Bruxelas o pasado 30 de abril), e coa Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial (ENIA).