Convocatoria para a adscrición ao CiTIUS como persoal investigador

A recepción de solicitudes estará aberta ata o próximo 31 de xullo e diríxese a persoal docente e investigador da Universidade de Santiago de Compostela (USC) que desexe sumarse a algún dos programas científicos do CiTIUS.

Seis anos despois da súa inauguración, e tras unha avaliación xeral da Comisión Científica Externa (CCE), o CiTIUS lanza unha nova convocatoria para a adscrición de persoal investigador, que estará suxeito a unha avaliación continua e rigorosa para determinar a súa permanencia no centro. A convocatoria está dirixida ao Persoal Docente e Investigador e aos investigadores Ramón e Cajal da USC que acrediten un alto nivel de publicacións relacionadas coas principais áreas temáticas do CiTIUS, así como unha capacidade probada para a captación de recursos externos.

O obxectivo principal do CiTIUS é realizar unha investigación punteira e multidisciplinar no ámbito das Tecnoloxías da Información, e para a súa consecución, dispón dun programa de captación e formación co gallo de incorporar novos talentos con capacidade de liderado. Aqueles solicitantes que actualmente estean a colaborar cun equipo de investigación do CiTIUS, deberán indicar nas súas candidaturas as contribucións individuais relevantes que xustifican a súa solicitude de adscrición. En canto ao resto de solicitudes, priorizarase a incorporación de persoal investigador con experiencia científica complementaria, que contribúan a fortalecer as capacidades do centro e a coherencia dos seus programas científicos.

Presentación de solicitudes de adscrición

A data límite para a presentación de solicitudes é o 31 de xullo de 2018. Deberá enviarse a citius@usc.es  en formato PDF, utilizando a solicitude dispoñible nesta ligazón.

Proceso selectivo

O proceso de avaliación e selección será realizado pola Comisión Científica Externa do CiTIUS.

O nomeamento formal das persoas seleccionadas como persoal investigador adscrito será aprobado pola Comisión Reitora do CiTIUS, a través da firma dun compromiso formal cos obxectivos estratéxicos e o regulamento de funcionamento do centro.

Convocatoria para a recepción de solicitudes de adscrición ao CiTIUS