Eva Cernadas e Manuel F. Delgado ensaian a súa participación na próxima ‘Noite Europea das persoas investigadoras'

*Ambos participaron este venres nun acto previo organizado pola Universidade de Vigo como antesala da xornada de divulgación global do próximo 24 de setembro que, por décimo ano consecutivo, celebrarase de maneira simultánea en 371 cidades europeas.*

Eva Cernadas e Manuel F. Delgado participaron hoxe venres 18 de xuño nunha xornada organizada pola Universidade de Vigo (Uvigo) no IES Carlos Casares de Viana do Bolo, como evento previo da próxima Galician Night (G-NIGHT), un encontro organizado no marco da Noite Europea das Persoas Investigadoras, que terá lugar o vindeiro 24 de setembro.O acto contou coa presenza de alumnado de primeiro e segundo da ESO e conexións telemáticas con distintas unidades de investigación e institucións académicas, como o Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC) ou o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), ademais do CiTIUS e a propia Uvigo.

Entre outros propósitos, esta actividade centrouse en poñer en valor a importancia social e económica da investigación, non só no ámbito galego, senón tamén no internacional. Así mesmo, os participantes tentaron destacar as vantaxes da interdisciplinariedade e da diversidade de xénero. A xornada tratou, tamén, de enviar unha mensaxe á sociedade sobre a importancia da integración das mulleres no desenvolvemento de proxectos de enxeñaría, poñendo de manifesto que a construción dun software non é unha actividade illada, senón que require do traballo en equipo no que interveñen e cooperan persoas moi diferentes.

Tecnoloxías CiTIUS para a xestión dos recursos mariños

Eva Cernadas e Manuel F. Delgado centraron a súa intervención no ciclo de estimación da fecundidade dos peixes, partindo da súa captura e continuando polas preparacións microscópicas no laboratorio, para finalmente proceder ata a análise das mesmas usando un dos seus desenvolvementos máis recentes: o sistema de visualización STERapp.

STERapp.) é un software que realiza análise estereolóxica sobre imaxes histolóxicas de gónadas de peixe para estimar a fecundidade das distintas especies, un parámetro fundamental de cara á xestión eficiente de recursos mariños e a sustentabilidade dos mares. O software, desenvolvido en formato app, reduce o tempo de análise de cada mostra entre un 40% e un 70% en relación co método tradicional, incrementando a precisión no cálculo. STERapp atópase actualmente dispoñible para descarga no repositorio de software do CiTIUS.).

Este proxecto está financiado polo Programa Investigación e Innovación Horizonte 2020, Accións Marie Sloklodwska-Curie da Unión Europea en virtude do acordo de subvención 101035979-G-NIGHT.