Éxito rotundo do II Workshop Galicia Machine Learning

Máis de vinte traballos presentados por centros de investigación e industria apuntalan este encontro como punto de referencia no sector e abren a vía a novas colaboracións.

Un dos principais atractivos da xornada foi a alta participación do sector empresarial. Organizacións como o xigante da madeira FINSA compartiron cos asistentes as súas experiencias no ámbito do ML, presentando ao auditorio os desafíos aos que se enfrontan co obxectivo de promover colaboracións público-privadas. Un campo de traballo de importancia capital na empresa do futuro, como quixo destacar o representante da multinacional no workshop, Gregorio González: «a Aprendizaxe automática veu para quedar; as empresas que non saiban velo a tempo de adaptarse quedarán atrás e deixarán de ser competitivas», advertía.

Ao finalizar a xornada, os asistentes quixeron mostrar o seu agradecemento á organización polo formato do encontro. Concibido como un simposio máis dinámico e menos ríxido que un congreso tradicional, o segundo WGML recolleu os comentarios e suxestións da primeira edición para adaptarse ás demandas e necesidades dos participantes, poñendo así o foco nas aplicacións prácticas e en casos reais de uso, con exemplos claros na actualidade.

Os organizadores non ocultaban a súa satisfacción polo éxito cultivado durante a xornada. Nesa liña expresábase David Mera, presidente do Comité Organizador: «tendo en conta a asistencia, a calidade dos relatorios e os comentarios recibidos, consideramos que este workshop foi un rotundo éxito, o mellor aval para garantir a súa continuidade no tempo e afrontar futuras edicións con ilusións renovadas», afirmaba o investigador posdoutoral do CiTIUS. Unha continuidade confirmada no acto de clausura, ao anunciarse que o centro da Universidade de Vigo atlanTTic será o vindeiro organizador principal do workshop en 2018, trasladándose así por primeira vez a sede do WGML lonxe de Santiago de Compostela.