Finalizado o prototipo de ‘Smart Cardia’, a plataforma intelixente que facilita a xestión da rehabilitación cardíaca tras un infarto

O CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela) participa no desenvolvemento dos distintos módulos que integran a nova plataforma, validada polo equipo de Rehabilitación Cardíaca do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) e froito dun consorcio liderado pola empresa Balidea

Rehabilitación cardíaca controlada, segura e de calidade

A finalidade do proxecto Smart Cardia foi desenvolver unha plataforma que lle facilitase aos profesionais sanitarios a xestión do proceso de rehabilitación cardíaca, integrando compoñentes intelixentes e preditivos e interfaces gráficas cun maior grao de usabilidade. Convértese así nunha ferramenta idónea para a posta en marcha de programas de rehabilitación cardíaca, permitindo que, desde o primeiro día, os profesionais sanitarios traballen no marco dun proceso seguro e predicible, sen variabilidade e controlado, contando ademais con indicadores de calidade.

Está pensada como apoio aos profesionais sanitarios que interveñen neste tipo de procesos, como cardiólogos, persoal de enfermaría especializada, fisioterapeutas, médicos rehabilitadores, endocrinólogos, médicos de atención primaria e enfermería comunitaria.

O proxecto ten unha finalidade sanitaria (mediante o control dos factores de risco e a prevención), e unha finalidade social, ao interactuar con Prebencar, un asesor virtual intelixente para a prevención e o benestar cardiovascular que promove hábitos cardiosaudables, e converte aos pacientes que sufriron un infarto en axentes activos para a súa recuperación.