Galicia estrea a nova identidade do CiTIUS como 'Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes'

O CiTIUS presenta a súa estratexia de investigación especializada no eido das tecnoloxías asociadas á Intelixencia Artificial, situando a Galicia á vangarda de España nun ámbito de coñecemento e investigación científico-tecnolóxica que está transformando radicalmente a sociedade e a economía do mundo.

O CiTIUS, ata o de agora Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información da Universidade de Santiago de Compostela (USC), presentou publicamente hoxe, 29 de abril, a súa nova identidade como Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes, converténdose así no único neste ámbito en Galicia, e un dos tres que existen a nivel nacional.

Ao acto de presentación, que tivo lugar no centro ás 11:30 da mañá, asistiron Carmen Pomar, conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia, e Antonio López, reitor da Universidade de Santiago de Compostela.

«Moito máis ca un cambio de nome»

«Sanidade, educación, empresa... miremos onde miremos, o campo da intelixencia artificial é o futuro (...) A conxuntura é perfecta para a reconversión deste centro». Na súa alocución, a conselleira quixo felicitar ao CiTIUS polo seu traballo ó longo dos últimos anos, salientando o labor excelente que vén realizando en investigación e transferencia. Carmen Pomar insistiu na importancia «deste modelo competitivo e internacionalizado de investigación, un exemplo claro de cara onde temos que camiñar xuntos en Galicia».

Pola súa banda, o reitor da USC, Antonio López, falou dunha aposta orientada a aproveitar as oportunidades que se presentan e «visibilizar o labor que xa se viña facendo». «Este centro ten que ser un buque insignia, que xa o era, pero máis aínda de cara ó futuro», sentenciou.

Unha transformación estratéxica

O CiTIUS, como novo Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes, consolida así a súa aposta científica nun ámbito crucial, o das tecnoloxías intelixentes. Estas tecnoloxías, entre as que se atopan a aprendizaxe automática, as tecnoloxías da linguaxe, a robótica ou a visión artificial, teñen na actualidade un enorme e crecente impacto socioeconómico que está transformando sectores tan importantes como a industria 4.0, ou a enerxía e medioambiente, a saúde e o benestar, a intelixencia de negocio ou os sectores financeiro e de seguros, entre outros.

De acordo coa consultora McKinsey estamos a falar do maior impacto transformador ata o momento, capaz de aportar 13 billóns de dólares ao PIB mundial en 2030, cun incremento medio anual do 1,2% na productividade. Outra prestixiosa consultora, Boston Consulting Group, considera que a Intelixencia Artificial, e en particular a aprendizaxe automática, é a gran forza motriz da industria dixital. Nunha macroenquisa realizada recentemente por esta compañía, máis do 90% das empresas consultadas afirmaron que están a dirixir as súas inversións de maneira maioritaria cara a este ámbito.

Precisamente, unha das fortalezas do CiTIUS é a transferencia da súa investigación á sociedade e ao tecido empresarial. Así o acreditan resultados como as 2 spin-offs creadas nos últimos catro anos, as empresas Situm e Imagames, que contan xa con máis de 40 empregados e presenza en 40 países. Tamén os contratos de I+D con empresas globais, como Indra, IBM, Johnson & Johnson e Babcock, e un bo número de empresas da contorna, como Finsa ou Mestrelab Research. Actualmente o CiTIUS alberga máis de 100 investigadores, entre os que figuran 31 investigadores senior que foron seleccionados por unha Comisión Científica Externa.