Máster en Big Data: Tecnoloxías de Análise de Datos Masivos

O Máster Interuniversitario en Tecnoloxías de Análise de Datos Masivos: Big Data, que impartirán de maneira conxunta a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Universidade de Murcia (UMU) a partires do próximo ano académico (2015-2016) será un dos primeiros másteres verificados a nivel estatal pola ANECA (Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación), e foi recoñecido xa polo Consello de Universidades como máster oficial na temática do Big Data.

As clases comezarán a principios de setembro de 2015, e servirán para debullar un completo plan de estudos no que non só participou o persoal académico da USC e a UMU, senón tamén numerosos profesionais da industria e os distintos colexios profesionais. O máster consta dun único curso académico (60 ECTS), dividido en tres grandes bloques formativos:

  • Big Data

  • Ciencia de Datos

  • Aplicacións de Negocio

    Ademais, os alumnos deberán presentar un proxecto de fin de máster tutelado por profesionais de empresas, centros de investigación ou universitarios.

    O máster conta, así mesmo, cun panel de asesores externos e colaboradores formado por empresas como HP, Coremain, Everis, AVA ou Plexus, ademais doutras entidades como o Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia, o Instituto Tecnolóxico para ou Control de Medio Mariño de Galicia, o Colexio Profesional de Enxeñeiros Técnicos en Informática da Rexión de Murcia ou o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).

    En canto ao tipo de formación requirida para acceder a estes estudos, dende a área de coordinación do máster aseguran que «estableceuse un perfil de acceso amplo». David Losada Carril, profesor da ETSE (Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC) e investigador do CiTIUS, afirma que «trátase de atraer a estudantes procedentes de Enxeñaría informática, Matemáticas, Física ou outras enxeñarías afíns».

    Con respecto aos medios técnicos, o sistema empregado para permitir a actividade docente -asumida por ambas as universidades- será o da videoconferencia, co obxectivo de facilitar a interacción e a claridade expositiva.

    Máis información

    Twitter: @BigDataUSC_UMU