MeteoGalicia mellora a información de predición por concellos cunha aplicación intelixente desenvolvida por investigadores do CiTIUS

Os servizos de información de [MeteoGalicia](http://www.meteogalicia.es/), a axencia autonómica de predición meteorolóxica, incorporarán a partir de hoxe unha [nova ferramenta desenvolvida no CiTIUS](http://citius.usc.es/transferencia/demostradores-tecnoloxicos/GALiWeather), que permitirá aos usuarios da web de Meteogalicia dispoñer de predicións meteorolóxicas en linguaxe natural individualizadas para cada un dos 314 concellos galegos. A aplicación que realiza este novo servizo, denominada [GALiWeather](http://citius.usc.es/transferencia/demostradores-tecnoloxicos/GALiWeather), presenta en linguaxe natural a información que ata agora [MeteoGalicia](http://www.meteogalicia.es/) proporcionaba só de forma gráfica e numérica.

GALiWeather é un dos resultados de investigación do proxecto de I+D “Descrición lingüística de fenómenos complexos”, que contou co financiamento do MINECO e que recentemente finalizou no CiTIUS. No desenvolvemento de GALiWeateher participaron catro investigadores da Unidade de Sistemas Intelixentes do Centro xunto con sete expertos de Meteogalicia. Ata o momento, a predición operativa en linguaxe natural que ofrecía MeteoGalicia na súa páxina web cinguíase exclusivamente a unha descrición da tendencia a curto prazo en Galicia; a integración de GALiWeather permitiu ampliar este servizo para proporcionar predicións específicas para cada concello. As predicións xéranse automaticamente en linguaxe natural a partir dos datos dispoñibles, tal como o faría un meteorólogo. De feito, expertos meteorólogos participaron en todas as fases de deseño da aplicación, así como na súa validación final, levada a cabo durante os últimos meses. GALiWeather dá cobertura a todos os concellos da Comunidade, proporcionando -a partir de símbolos meteorolóxicos- predicións que facilitarán a calquera usuario obter unha información meteorolóxica máis precisa e lexible sobre localizacións concretas da xeografía galega. Por razóns prácticas e económicas, isto non sería posible sen a automatización a través dun sistema intelixente como o deseñado.

Para xerar as predicións en linguaxe natural, GALiWeather emprega datos de predición simbólico-numéricos, coñecemento dos expertos meteorólogos e técnicas de intelixencia artificial que permiten, en primeiro lugar, converter os datos en descricións lingüísticas básicas, codificadas nunha linguaxe intermedia; un proceso posterior converte finalmente estas descricións nunha narrativa en linguaxe natural, expresada en calquera dos idiomas de saída soportados (español ou galego).

A web actual de MeteoGalicia permite a consulta de predicións por concellos, ofrecendo para cada un deles a previsión meteorolóxica a catro días vista, pero só a través de datos numérico-simbólicos, ás veces difíciles de entender e resumir para a maior parte dos usuarios. Esta funcionalidade inclúe información múltiple, como o estado do ceo (nebulosidade e precipitación), vento e temperaturas, polo que a medida que aumentan os datos numérico-simbólicos xorde un inconveniente: a falta de predicións en linguaxe natural que describan estes conxuntos de datos. Sen este tipo de descrición as predicións resultan menos comprensibles, xa que os usuarios necesitan inspeccionar cada símbolo por separado, detectar que fenómenos son relevantes e cando se van a producir. A inclusión de GaliWeather nos sistemas de MeteoGalicia proporcionará esta información de xeito automático, seguindo os criterios dos expertos meteorólogos e de forma comprensible para os usuarios

GALiWeather encádrase nas aplicacións denominadas “de conversión de datos a texto (Data to Text)”, fronte ás cales incorpora innovacións metodolóxicas importantes, como o tratamento de termos imprecisos, de uso moi frecuente na comunicación humana, e a xeración de narrativas globais para todo o período de predición de catro días. Desde o punto de vista meteorolóxico e ambiental, é nova a incorporación de información acerca do Índice de Calidade do Aire. Coa incorporación desta tecnoloxía, Galicia sitúase á vangarda mundial nas aplicacións D2T neste ámbito, xa que o único sistema comparable en servizo na actualidade é o desenvolvido moi recentemente por un servizo de referencia internacional como o British MetOffice.