O CiTIUS celebra a II Edición da xornada «Inside the Lab»

*«Inside the Lab», a xornada de demostración coa que o CiTIUS presenta anualmente os seus resultados científicos perante a Industria e a Administración, regresou ao centro para servir de altofalante ás súas tecnoloxías máis punteiras, algunhas das cales destacan como as mellores do mundo na actualidade.*

O CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información da Universidade de Santiago de Compostela) acolleu o pasado venres 8 de xullo a II Edición da Xornada de Demostración Tecnolóxica Inside the Lab, un evento destinado a presentar algunhas das solucións de alta calidade desenvolvidas no centro, co gallo de poñer en valor as súas distintas aplicacións en múltiples ámbitos da actividade industrial.

Durante a xornada, os visitantes contaron coa oportunidade de coñecer os 18 demostradores tecnolóxicos presentados polos investigadores do centro, entre os que se incluían sistemas para o autocoidado e mellora da adherencia á medicación, a monitorización do tráfico mediante visión por computador ou ferramentas para a predición dos gustos do consumidor, así como tecnoloxías para a localización e reconstrución de escenas 3D e a análise de territorio mediante imaxes hiperespectrais. Unha ampla gama de resultados con aplicación en múltiples ámbitos, nacidos da transformación de resultados de investigación en tecnoloxías innovadoras e escollidos minuciosamente co propósito de cubrir distintas necesidades do sector empresarial.

O encontro contou, ademais, coa presenza de dúas das spin-offs creadas por investigadores do CiTIUS: Situm, que centra a súa actividade no desenvolvemento de tecnoloxías de xeoposicionamento en interiores e Imagames, empresa orientada ao desenvolvemento de solucións de gamificación en diversas contornas, como a formación de empregados e estudantes ou o marketing dixital.