O CiTIUS colabora na organización do curso de «Scratch» convocado polo CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática (CPEIG) vén de abrir o período de inscrición ó primeiro obradoiro de «Scratch» organizado pola entidade, que conta coa colaboración do CiTIUS. O «Scratch» é unha linguaxe de programación orientado á xente nova, unha comunidade en liña onde os rapaces poden programar e compartir medios interactivos, historias, xogos e animacións con outros mozos e mozas. O Scratch axuda a pensar creativamente, a razoar e a traballar en colaboración.

O curso está dirixido a rapaces cunha idade comprendida entre os 10 e os 14 anos, e desenvolverase nas tardes dos martes e os xoves do vindeiro mes de maio -entre as 18:30 e as 20:00- nas instalacións da ETSE (Escola Técnica Superior de Enxeñaría - USC), a partir do vindeiro día 6.

A matrícula do curso é de balde, e as persoas interesadas en participar poderán formalizar a súa inscrición ata o 30 de abril. As prazas concederanse por rigorosa orde de inscrición, no correo electrónico informacion@cpeig.org.

Contidos

O CPEIG presenta este obradoiro coma unha aventura gráfica, co obxectivo de que os rapaces programen unha fase en cada clase. Cada unha destas fases situarase nunha cidade ou vila de Galicia distinta, cunha historia, lenda ou parte da cultura particular desa zona. Cada alumno disporá dun ordenador para o seguimento do obradoiro.

Paralelamente, o curso contará cun blog («Cativos Coding»), no que tanto os rapaces coma os seus pais poderán seguir os contidos do obradoiro fóra do horario da clase.

Máis información:

Tlfs.: 981 569 844 - 630 040 079 - 620 025 123