O CiTIUS e Gradiant asinan un acordo para a colaboración científico-tecnolóxica

A firma do acordo de colaboración formalizouse na mañá de hoxe e terá unha vixencia de dous anos, ampliable a catro.

O Reitor da USC, Juan M. Viaño Rey, e o director xeral de Gradiant, Luís Pérez Freire asinaron esta mañá un acordo marco de cooperación científico-tecnolóxica entre o CiTIUS e o centro tecnolóxico vigués para promover o desenvolvemento conxunto de iniciativas de I+D no ámbito das Tecnoloxías da Información e  as Comunicacións.

«Agardamos que este acordo contribúa a dotar de maior proxección no tecido socioeconómico aos nosos resultados científicos», afirmaba tras o acto o director do centro, Paulo Félix. «O obxectivo é que Gradiant e o CiTIUS se complemente para converter en tecnoloxía tanxible algúns resultados científicos que xa demostraron ser os mellores a nivel mundial, pero aos que aínda lles falta o último elo da cadea tecnolóxica para converterse en aplicacións reais», sinalaba. En palabras do seu homólogo no centro tecnolóxico vigués, «a filosofía é aliñar capacidades de axentes do ecosistema galego de I+D para facilitar a transferencia de tecnoloxía ao tecido empresarial en sectores estratéxicos, reforzando a colaboración con grupos de investigación punteiros», afirmaba Pérez Freire. «O CiTIUS permítenos contar con talento galego e, sobre todo, materializalo en tecnoloxía tanxible que chega ao mercado».

Pola súa banda, o reitor da USC Juan M. Viaño Rey explicou tras a firma protocolaria que o acordo marco «é un instrumento de cobertura que facilitará e regulará as distintas actividades previstas, como a promoción e difusión, realización de tese ou desenvolvemento conxunto de proxectos», sinalou. «Gradiant é un socio estratéxico no ámbito TIC, que presta un apoio necesario para desenvolver a misión docente, investigadora e de innovación que demanda a sociedade», concluía.

No acto, que tivo lugar esta mañá en Santiago, participou tamén o xerente de Gradiant, Fernando Jiménez Míguez, e os integrantes do padroado de Gradiant José L. González Carneiro e José L. Albo.

Investigación e colaboración, as claves

A firma deste acordo facilitará o traballo conxunto no desenvolvemento de proxectos de I+D, favorecendo a transferencia dos resultados obtidos ao sector industrial, mediante a organización de xornadas técnicas ou o acceso a demostradores tecnolóxicos e probas de concepto.

Outro dos aspectos máis destacables do acordo é a dirección conxunta de teses de doutoramento e as estancias de investigación dos profesionais de ambas as entidades, permitindo o intercambio de coñecemento e a xeración de valor en tecnoloxías clave dentro do ámbito das TIC, nun contexto global de dixitalización da industria e a economía.

Tecnoloxía 'made in Galicia'

Ao abeiro do acordo de colaboración asinado, ambas as entidades iniciarán nos próximos días un proxecto de investigación centrado en tecnoloxías de vídeo-analítica para o desenvolvemento de algoritmos de detección de obxectos en vídeo a moi longa distancia (por tanto, cun tamaño de moi poucos píxeles) empregando técnicas de redes neurais profundas, que nos últimos anos revolucionaron o mundo da visión artificial.

Actualmente, existe unha demanda crecente para o desenvolvemento de tecnoloxía para o sector da seguridade, tanto por parte dos integradores destas solucións como polas empresas e usuarios finais. Grazas aos desenvolvementos que se realizarán no marco deste acordo, será posible ampliar as capacidades dos actuais sistemas de videovigilancia intelixente, para poder abordar aplicacións como a detección temperá de ataques con drons, as operacións de procura e rescate no mar ou a monitoraxe do tráfico marítimo desde UAVs.