Patentan un novo sistema para previr as pragas de babosas e caracois

Investigadores do CiTIUS e do Grupo de Malacoloxía Terrestre Aplicada (MALATERRA), da Universidade de Santiago de Compostela, veñen de patentar un innovador sistema para a detección de moluscos gasterópodos terrestres como babosas ou caracois, co obxectivo de previr a aparición destas pragas e reducir así as perdas nos cultivos.

Os moluscos gasterópodos terrestres, considerados pragas porque ocasionan graves danos nas plantas, son ademais vectores de transmisión de axentes patóxenos como virus e fungos, polo que resulta de vital importancia controlar a súa propagación; os gasterópodos afectan a unha ampla variedade de cultivos, dende os cereais ata plantas ornamentais, pasando pola silvicultura, a fruticultura ou a horticultura, entre outros. Aínda que a escala mundial os prexuízos económicos son menores que os causados polos insectos, en determinadas áreas xeográficas (especialmente en zonas moi chuviosas, como Galicia) os seus danos son moi cuantiosos. De acordo con estudos realizados no Reino Unido, as pragas de caracois representan o terceiro problema para os agricultores de cereais, ocasionándolles unhas perdas que oscilan entre 10.000 e 17.000 toneladas ao ano, mentres que no caso do cultivo da pataca, estímase que estas pragas ocasionan unhas perdas aproximadas de 50.000 toneladas ao ano.

Na actualidade existen diversos sistemas para a detección de animais de sangue quente, doadamente identificables con sensores de infravermellos; porén, os animais de sangue frío -como os moluscos terrestres- teñen a mesma temperatura do medio, e polo tanto resulta necesario o uso de sensores específicos. A solución obtida neste traballo consistiu na obtención dun sistema autónomo alimentado por un pequeno panel solar, que se comunica mediante tecnoloxía inarámica cunha estación base, encargada de centralizar todas as alarmas xeradas pola presenza de moluscos. Ademais, ao tratarse dun detector de baixo custo o sistema pode ser moi doadamente replicado, o que abre a porta a controlar amplas áreas de cultivos en tempo real.

A investigación que deu lugar a esta patente, desenvolvida na Universidade de Santiago de Compostela entre o CiTIUS e o Grupo MALATERRA, suporá un avance importante para a protección das plantas fronte a este tipo de pragas e infeccións, xa que se trata dun innovador sistema que contribúe a reducir o uso de molusquicidas en cultivos, grazas á súa capacidade para detectar os moluscos nunha fase temperá; algo que, sen dúbida, suporá tamén un importante beneficio ecolóxico para o medio.

Asemade, esta liña de investigación permitiu tamén o desenvolvemento dun método complementario de prevención de pragas, actualmente en fase de probas: a ferramenta Metis, un sinxelo sistema cuxo principal obxectivo será asesorar os agricultores de Galicia sobre o uso de tratamentos fitosanitarios, e que integra a predición da actividade animal xunto con información meteorolóxica.