Paula López, directora adxunta do CiTIUS, nomeada nova máxima responsable do proxecto europeo MENELAOS

A investigadora adscrita ao Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade Santiago de Compostela (CiTIUS) vén de ser designada nova coordinadora científica da rede de formación innovadora (ITN) MENELAOSNT, un proxecto europeo financiado ao abeiro da convocatoria de excelencia’MSCA Actions’ do Programa Marco Horizonte 2020.

A directora adxunta do CiTIUS, Paula López Martínez, é xa oficialmente a máxima responsable do proxecto MENELAOSNT, unha rede de formación   de novos doutores a nivel europeo financiada polo competitivo programa de axudas Horizonte 2020. A dirección científica do proxecto, coordinado ata agora desde a Universidade de Siegen (Alemaña) trasládase, así, ao centro de investigación situado en Santiago de Compostela, mentres que a coordinación executiva da actividade dos socios seguirá realizándose desde a institución alemá. O nomeamento, proposto polo ata agora máximo responsable do proxecto -o investigador Otmar Loffeld -que seguirá vinculado como consultor científico**-**, converte tamén á directora adxunta do CiTIUS en’Permanent Guest Scientist’ da Universidade de Siegen.

«Unha persoa empática, recoñecida e respectada»

Foi o coordinador saínte, Otmar Loffeld, quen propuxo ao reitorado de Siegen o nomeamento da directora adxunta do CiTIUS: «desde a fase máis temperá do proxecto Paula foi moi construtiva, involucrándose en cada paso da proposta; é un membro importante do comité directivo do consorcio, unha persoa altamente recoñecida e respectada», afirmaba o profesor nun comunicado aos socios.

Loffeld quixo destacar así mesmo as calidades persoais da nova coordinadora: «hai moitas e boas razóns polas que propuxen a Paula, unha persoa empática que sabe como falar e tratar a  os seus compañeiros». O profesor Loffeld sinalaba que «estas calidades son un ingrediente indispensable para liderar un equipo, porque un grupo non se lidera gobernando, senón convencendo aos nosos colegas». O veterano investigador concluía a súa argumentación insistindo en que «Paula ten estas calidades, e máis aló do traballo, que no seu maior parte será divertido», chanceaba, «será tamén unha grande oportunidade».

MENELAOSNT: mellorando a comprensión da nosa contorna

O proxecto MENELAOSNT afronta o reto -cada vez máis urxente- de explorar o mundo que nos rodea a escala micro e macroscópica, a través da ciencia e a tecnoloxía. O obxectivo desta rede de investigación é proporcionar aos científicos coñecementos máis profundos, unha mellor comprensión e máis información para entender e monitorear os procesos que teñen lugar na nosa contorna, co obxectivo de poder predicir, e mesmo controlar, posibles evolucións críticas.

MENELAOSNT aplica novas tecnoloxías para realizar unha fusión de datos multimodal - multisensor, é dicir, conseguir combinar de maneira óptima a información rexistrada por diferentes tipos de sensores (sensores in situ / remotos, ópticos / non ópticos*…*), e a diferentes escalas, con diferentes resolucións e distinta fiabilidade. Integrado por 7 socios de 5 países diferentes, o consorcio está dotado cun orzamento global de máis de 3,6 millóns de euros en total, destinados a impulsar novas xeracións de científicos en liña cos Principios da UE sobre Formación Doutoral Innovadora. En MENELAOSNT participan un total de 15 investigadores na súa primeira etapa doutoral (ESR - Early Stage Researchers,), que reciben a súa capacitación de alto nivel a través de proxectos individuais e cursos especializados que os conducirán ata as cuestións científicas centrais do proxecto.