Representantes do CiTIUS participan no acto de entrega do ‘Premio Aire limpio’, concedido a Santiago polo proxecto TRAFAIR

O investigador José Ángel Taboada participa como convidado na recollida do galardón, que culminou coa planta simbólica dunha árbore.

Santiago de Compostela vén de recibir o II Premio Aire Limpio, que a acredita como cidade menor de cen mil habitantes máis comprometida coa calidade do aire. O recoñecemento, froito do proxecto de investigación europeo TRAFAIR (Understanding Traffic Flows to Improve Air Quality), foi concedido pola Plataforma X Aire Limp**io, que trasladou o fallo dun xurado formado por investigadores de prestixio e asociacións profesionais da calidade do aire.

Ó acto foi convidado o investigador José Ángel Taboada, en calidade de representante do CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixent**es da USC), entidade que coordina o labor de tódalas institucións que participan no proxecto a nivel galego. Xunto ao alcalde da cidade de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a concelleira de Medio Ambiente Mila Castro, representantes dos grupos municipais e do Concello acompañaron tamén na entrega a Juan Carlos García, membro da Plataforma X Aire Limpio encargado de facerlle entrega ao Concello dun exemplar de Davinia Involucrata, árbore moi estendida ao longo de Galicia. O acto concluíu de xeito simbólico coa planta desta árbore no parque da Alameda, co gallo de visibilizar os esforzos da localidade no eido da calidade do aire.

Na categoría de cidade menor de cen mil habitantes, o xurado destacou a singularidade de Santiago de Compostela. O proxecto presentado é unha iniciativa conxunta entre administracións públicas e universidades de Italia e España que aúna esforzos para comprender o impacto que teñen os fluxos de tráfico na calidade do aire. O seu rigor científico, a utilización de novas tecnoloxías e o desenvolvemento de servizos innovadores e sustentables para producir nova información robusta, rápida e fiable foron merecedores dunha valoración positiva por parte do xurado.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, amosou o seu agradecemento á asociación Plataforma X AireLimpio, que concede o premio; aos socios do proxecto TRAFAIR e ao anterior goberno, que iniciou o programa. "O que intentamos", sinalou, "é facer cousas en beneficio" da veciñanza. Santiago é unha cidade, continuou, que se sinte orgullosa "do seu patrimonio, da súa historia, pero tamén dos seus parques e das zonas verdes, dispoñibles para disfrute da cidadadanía, que tamén contribúen a posiblitarnos un aire limpo". A calidade do aire, sinalou, é calidade de vida, e tamén é saúde.

Rafael Rodríguez, técnico de innovación do Concello de Santiago, explicou o proxecto TRAFAIR, que conta, dixo, cunha rede de sensores da calidade do aire, que proporcionan e proporcionarán no futuro os datos que se precisan para facer as prediccións. Pola súa banda, o investigador do CiTIUS José Ángel Taboada indicou que esta rede permite "unha transferencia directa dos nosos coñecementos á experiencia á cidadanía". Un proxecto con moitos obxectivos, precisou, que requeriu do traballo de moitos equipos multidisciplinares. Entre os resultados destacou a adquisición de información medioambiental a través de sensores de baixo custe, que pode reducir ata nun 90% o custe das infraestruturas necesarias para as capturas de datos e permite coñecer "a distribución dos contaminantes" pola cidade.

En termos similares ao investigador adscrito ao CiTIUS manifestouse Patricia Argerey, presidenta do CESGA, agradecendo o premio, e recordando que son nove os socios europeos que participan no proxecto TRAFAIR. Destacou tamén o labor do CESGA, e as predicións que realiza "a 48 horas" sobre a calidade do aire. Lembrou que existen dúas aplicacións que se poden consultar para coñecer a calidade do aire en tempo real en distintas cidades.