Sánchez Bugallo certifica a aposta do concello de Santiago polas tecnoloxías intelixentes na súa visita ao CiTIUS

O rexedor compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, visitou na mañá de hoxe as instalacións do CiTIUS co obxectivo de dinamizar a implantación das tecnoloxías intelixentes en proxectos de interese estratéxico para a capital de Galicia.

«O concello precisa a USC, Santiago é unha cidade que non se entende sen a súa universidade. Alégrome moito de ter realizado hoxe esta visita, porque vexo moitas cousas nas que o CiTIUS nos pode axudar, e nós a eles». O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, amosábase optimista esta mañá perante os medios de comunicación que cubrían a súa visita ao Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS). «Temos que recuperar o concepto de 'UniverCidade', hai que apoiar a investigación e tirar partido dela, aproveitando todas as solucións que poidan mellorar a vida das persoas en Santiago de Compostela».

A visita comezou cunha presentación do director científico do centro, Senén Barro, que informou ao máximo responsable do Concello de Santiago da organización do ECAI 2020, (o congreso científico de Intelixencia Artificial máis importante de Europa), no que o CiTIUS traballa xa de cara ao vindeiro ano. Asemade, o director científico do centro presentou o estado dos proxectos nos que ambas institucións seguen colaborando na actualidade.

Tras este encontro introductorio, Sánchez Bugallo tivo ocasión de coñecer as últimas novidades de TRAFAIR (‘Understanding Traffic Flows to improve Air Quality’), un proxecto europeo destinado á mellora da calidade do aire no que participan Santiago de Compostela, o CiTIUS e o CESGA, amais doutras cinco cidades e centros de investigación europeos.

Finalmente, un equipo de investigadores do CiTIUS amosaron ao alcalde de Santiago algúns dos últimos desenvolvementos do centro ao longo dunha visita que incluiu «demostracións tecnolóxicas punteiras de interese para a cidade», como o seguimento visual automatizado de obxectos e persoas, ou novas técnicas con sensores LiDAR para a identificación de roteiros escolares seguros para peóns.