Senén Barro recolle o Premio Nacional de Informática no acto oficial de entrega organizado por SCIE e Fundación BBVA

*O director científico do CiTIUS, catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial na Universidade de Santiago de Compostela, recibiu onte á noite en Madrid o galardón que recoñece a súa traxectoria investigadora na cerimonia de entrega dos Premios de Investigación Sociedade Científica Informática de España – Fundación BBVA 2020-2021.*

Para ilustrar esta necesidade, o ex-reitor da Universidade de Santiago (2002-2010) cita un exemplo do sector sanitario: «é moi común que un paciente diga ‘Nas últimas semanas tiven dores frecuentes’ ou ‘Pouco despois da proba notei estes síntomas’. Son expresións imprecisas que as persoas incorporamos sen problema á toma de decisións… ás máquinas, en cambio, resúltalles máis difícil; hai que buscar estratexias para trasladar a imprecisión ao ámbito computacional», explica.

No que respecta ao futuro máis próximo, o catedrático da USC conclúe que «a IA é a tecnoloxía máis transformadora que se ten desenvolvido ata hoxe, e só se apostamos por unha IA confiable e polo ben común, amplificaremos os seus beneficios e atenuaremos os seus posibles prexuízos». Unha máxima que, en palabras de Senén Barro, «guiou sempre o labor do Grupo de Sistemas Intelixentes, a miña en particular, e da que agora fai gala tamén o CiTIUS».