Tomás Fernández Pena, novo Editor Asociado de IEEE ‘Transactions on Computers’

Nomeado co cargo de ‘Multimedia Editor’, encargarase de realizar un vídeo de presentación con cada número para introducir a publicación destacada do mes

Tomás Fernández Pena, investigador principal no Programa de Computación de altas prestacións e computación na nube do CiTIUS, foi nomeado novo Editor Asociado da revista IEEE Transactions on Computers, unha das publicacións máis importantes da área a nivel global segundo confirma a súa inclusión no primeiro cuartil (Q1) do último Journal Citation Reports (JCR) elaborado por Thomson-Reuters.

O nomeamento do Profesor da Universidade de Santiago de Compostela ten a súa orixe a comezos de 2015, cando os membros do Consello Editorial da revista tomaron a decisión de propoñer en cada número o artigo con mellores revisións como ‘artigo do mes’. Así, convidábase aos autores a explicar o seu traballo a través dun vídeo de presentación que pasaría a formar parte da sección multimedia da revista desde o mes anterior á súa publicación, período no que, ademais, o artigo estaría dispoñible para libre descarga, sen necesidade de estar suscrito á publicación.

Paralelamente, o comité editorial acordou que un dos seus membros realizara tamén un vídeo de introdución ao paper en chinés, unha iniciativa que deu pé ao cargo de Multimedia Editor e que axiña se estendeu ao español, convertendo ao investigador do CiTIUS Tomás F. Pena en novo editor da revista IEEE Transactions on Computers, unha publicación mensual cunha ampla distribución entre investigadores, desenvolvedores, xerentes técnicos e educadores no eido da informática en xeral, e máis concretamente, na área de Arquitectura e Tecnoloxía de Computadores.