Un novo sistema de monitorización detecta por primeira vez calquera anomalía da actividade eléctrica cardíaca en tempo real

*Investigadores do programa de E-Saúde do CiTIUS presentan unha solución para realizar automaticamente o agrupamento morfolóxico de latexos en tempo real. [Publicado no «IEEE Journal of Biomedical and Health Informatics»](http://ieeexplore.ieee.org/xpl/articleDetails.jsp?arnumber=6917206&sortType%3Dasc_p_Sequence%26filter%3DAND%28p_IS_Number%3A6363502%29), o traballo mellora substancialmente as técnicas desenvolvidas ata hoxe, abrindo a porta á utilización de tecnoloxías 'wearable' que axuden a previr riscos cardiovasculares.*

Unha identificación temperá de posibles alteracións cardíacas podería salvar a vida do paciente. / Ivana Divisová

Identificando latexos

Realizar unha detección fiable de posibles variacións nos latexos, de xeito totalmente automático, é o obxectivo que perseguen investigadores especializados de todo o mundo; para alcanzalo, dúas bases de datos serven de referencia á comunidade: o MIT-BIH Arrhytmia Database e a AHA ECG Database; dous repositorios estándar usados por universidades, centros de investigación e mesmo compañías privadas a diario, non só para avaliar de xeito fidedigno a precisión dos seus traballos, senón tamén para validalos cientificamente.

Combinando técnicas de procesamento de sinal (baseadas nun algoritmo utilizado para medir a similitude entre dúas secuencias temporais (coñecido como DTW ou «Dynamic Time Warping»), con estratexias de agrupamento empregadas no ámbito da intelixencia artificial, o traballo presentado polos investigadores do CiTIUS non só describe unha solución que é quen de separar as diferentes variantes de latexo con gran precisión (98,56% no MIT-BIH e 99,56% na AHA) senón que, por primeira vez, faino en tempo real; un avance de extraordinaria relevancia, xa que constitúe o fundamento científico dunha posible implementación desta tecnoloxía sobre dispositivos 'wearable', como camisetas intelixentes, reloxos, pulseiras... ou calquera outro complemento asociado ao paciente que poida proporcionar información sobre o seu estado de saúde as 24 horas do día.

Os responsables da investigación, creadores tamén da plataforma de monitorización domiciliaria Servando, esperan integrar proximamente a nova funcionalidade neste sistema, abrindo así a porta a unha utilización sinxela por parte dos pacientes afectados por patoloxías de orixe cardiovascular.