V Edición de ' Inside the Lab', a gran xornada de demostración tecnolóxica do CiTIUS

*O Centro de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela (USC) celebra por quinto ano consecutivo a súa xornada anual de demostración tecnolóxica, un encontro concibido para xerar valor na industria e a Administración a partir de resultados científicos de alto impacto.*

O CiTIUS reforzará a súa estreita relación con empresas e administracións o vindeiro venres 12 de xullo coa Pasen e vexan

Tan pronto como cheguen ao punto de benvida, os visitantes recibirán un plano coa localización de tódolos demostradores repartidos polo centro; o mapa facilitará a localización das posibles visitas, unha pequena mostra das últimas tecnoloxías desenvolvidas por equipos de investigación do centro; entre as temáticas que estarán presentes na edición 2019 de Inside the lab atópanse unha solución para a monitoraxe da polución en Smart Cities, unha aplicación nutricional baseada en solucións de Intelixencia artificial Explicable, a aplicación do procesado de imaxe hiperespectral para a análise de concas fluviais, ou o desenvolvemento de solucións para a detección e tracking de centos de obxectos en tempo real.

Os 13 demostradores abranguen unha ampla gama de resultados transferibles en distintas áreas e avalan a investigación do centro en distintas fases de desenvolvemento, desde prototipos creados a partir de proxectos de investigación, ata resultados tecnolóxicos xa transferidos a través de distintas fórmulas (tanto por medio da licenza á industria como mediante a incubación de novas iniciativas empresariais).

O encontro contará tamén coa presenza das 2 Spin-off do CiTIUS: Situm, cuxo negocio se centra no desenvolvemento de tecnoloxías de xeoposicionamiento en interiorese Imagames, que desenvolve solucións de gamificación en dominios como a aprendizaxe virtual ou a mercadotecnia dixital. Creadas respectivamente en 2014 e 2015, entre ambas suman xa máis de 40 empregados e presenza en 40 países.

A xornada incluirá tamén a presentación de InVerbis, unha iniciativa beneficiaria do Programa Ignicia Proba de Concepto promovido pola Xunta de Galicia, que actualmente se atopa en fase de incubación. Inverbis converterase nunha nova spin-off do CiTIUS en 2020, e a súa actividade principal estará centrada na analítica de negocio por medio de tecnoloxías de minería de procesos.

A participación na xornada é gratuíta e require inscrición telemática ata o 11 de xullo, cubrindo o formulario dispoñible na web oficial do evento.