Bolsas de verán CiTIUS 2023

Volven as bolsas de verán do CiTIUS! Se estás a estudar algún grao relacionado coa Intelixencia Artificial e as Tecnoloxías Intelixentes, isto interésache: ofrecemos 14 novas axudas para realizar a túa primeira estancia de investigación. Envía a túa candidatura ata o vindeiro xoves 8 de xuño!

Por noveno ano consecutivo, o CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC) acode puntual á súa cita coa convocatoria anual das súas Bolsas de Verán, que en 2023 ofrece 14 axudas a estudantes de grao que desexen ter a súa primeira experiencia investigadora no campo das Tecnoloxías Intelixentes (TI). As Bolsas financiarán estas estancias durante o próximo mes de xullo, co obxectivo de que as que as persoas beneficiarias poidan desenvolver un proxecto de investigación no marco das liñas dos Programas Científicos do CITIUS.

O grupo de estudantes seleccionado terá, así, un primeiro contacto coa investigación en áreas como Visión por Computador, Sistemas e contornas intelixentes, IA fiable, Aprendizaxe e razoamento automáticos, Robótica, Computación de altas prestacións, Realidade virtual e aumentada, Deseño electrónico de dispositivos intelixentes, Ciencia e enxeñaría de datos e procesos ou Tecnoloxías lingüísticas. Ademais, durante o período de duración da bolsa, os/as estudantes poderán participar na actividade formativa desenvolvida no CiTIUS, que inclúe a asistencia a cursos, conferencias de persoal investigador de prestixio internacional ou presentacións das ferramentas informáticas máis actuais no campo das TI.

As axudas están dotadas con 750 € brutos máis unha axuda para alumnos/as non residentes en Santiago de Compostela destinada ao financiamento dos gastos de transporte, cun importe máximo de ata 300€ para estudantes de fóra de Galicia, e ata 80 € para estudantes residentes noutros concellos da Comunidade.

Solicitudes

Os/as aspirantes deberán remitir a documentación requirida a través da Sede Electrónica da Universidade de Santiago de Compostela, usando o formulario de solicitude dispoñible nesta ligazón, que deberán dirixir ao Servizo de Convocatorias e Recursos Humanos de I+D ata o xoves 8 de xuño ás 23:59 h (CEST). Xunto ao formulario de solicitude deberá anexarse a seguinte documentación:

  • Copia da certificación académica do grao ou título equivalente, no que consten as cualificacións obtidas, e con expresión da nota media en base 10. No suposto de realizar estudos no estranxeiro nun idioma diferente ao inglés, a certificación deberá presentarse coa tradución oficial ao español ou galego.
  • Copia do xustificante de matrícula correspondente ao curso 2022/2023, ou documento acreditativo expedido pola universidade correspondente.
  • Currículo vitae da persoa solicitante.
  • Carta de motivación, incluíndo a expresión do interese na obtención da bolsa.

Avaliación

A ordenación das solicitudes farase de acordo cos seguintes criterios, sobre unha puntuación máxima de 10 puntos:

  • Expediente académico da persoa solicitante (70% da valoración obtida).
  • Curriculum vitae presentado: nel teranse en conta as publicacións, premios, e a formación relacionada co obxecto das Bolsas, entre outros aspectos (20% da valoración obtida).
  • Expresión de interese das persoas aspirantes, formulada na carta de presentación (10% da valoración obtida).

Máis información nas bases reguladoras ou enviando un correo a citius.kmt@usc.es, indicando no asunto [CiTIUS Summer Fellowships 2023].

Financiado por:

Banner Becas Verano.png