Álvaro Ordóñez gaña un dos premios 'Tese en 3 Minutos' das XXXII Xornadas de Paralelismo

O investigador posdoutoral do centro obtén un premio á súa tese dentro do concurso T3M ('A túa Tese en 3 Minutos'), organizado pola Sociedade Española de Arquitectura e Tecnoloxía de Computadores (SARTECO).

Álvaro Ordóñez, investigador posdoutoral do CiTIUS, vén de ser recoñecido cun premio dentro do concurso A túa tese en 3 minutos (T3M), unha iniciativa promovida pola Sociedade Española de Arquitectura e Tecnoloxía de Computadores (SARTECO) no marco das XXXII Xornadas de Paralelismo, celebradas recentemente na cidade de Alacante.

O obxectivo deste concurso, inspirado na idea orixinal Three Minutes Thesis da Universidade de Queenslan (Australia), é promover as habilidades de comunicación daquelas teses defendidas no último ano no ámbito de coñecemento da Sociedade. Os participantes dispoñen de só tres minutos e dunha imaxe fixa para explicar os obxectivos, motivación, achegas e resultados da súa tese doutoral.

No seu fallo a favor do investigador do CiTIUS, o xurado de SARTECO entrou a valorar, entre outras cuestións, a claridade expositiva, a capacidade de comunicación efectiva, a calidade da presentación, a xestión do tempo e a adecuación da transparencia de apoio.

Anos de traballo resumidos en tres minutos\

A tese de Álvaro Ordóñez é froito dun traballo doutoral desenvolvido ao longo dos últimos anos no CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela). Baixo o título Efficient Registraton of Multi and Hyperspectral Remote Sensing Images onGPU , esta aproximación -dirixida polos profesores Dora Blanco e Francisco Argüello-, centrouse no desenvolvemento de algoritmos eficientes para aliñar automaticamente imaxes multi e hiperespectrais de teledetección. A proposta científica xorde da necesidade de dispor de algoritmos capaces de procesar a enorme cantidade de información que conteñen este tipo de imaxes, aproveitando así os inxentes datos con información sobre o planeta que se capturan a diario desde múltiples fontes, como satélites, drons ou avións.

Como resultado desta captura multi-dispositivo, xorde a necesidade de aliñar as imaxes tomadas en distintas datas e desde múltiples plataformas para o seu uso en distintas aplicacións; o obxectivo é poder afrontar mellor situacións de emerxencia ambiental, como a evolución do cambio climático ou unha catástrofe natural similar á recente erupción do volcán na illa da Palma.

A investigación acometida no marco desta tese doutoral deu lugar á publicación de distintos algoritmos capaces de aproveitar a información espectral e espacial para obter mellores aliñamentos, e facelo ademais nun tempo de cómputo moi reducido. Todo iso grazas ás implementacións paralelas levadas a cabo en GPUs NVIDIA e clústeres de computación de altas prestacións.