Álvaro Ordóñez gaña o Premio á mellor tese do capítulo IEEE España de Xeociencia e Teledetección

O organismo encargado de ‘unir e conducir a ciencia española de ciencias da terra e teledetección’ distingue ao investigador do CiTIUS na sexta edicion destes premios de carácter anual, que constitúen unha das súas actividades centrais, e cos que destaca a calidade dos traballos no ámbito da teledetección presentados nas universidades españolas.

Álvaro Ordóñez, investigador egresado do CiTIUS e, na actualidade, investigador colaborador do centro, recibirá hoxe o Premio á mellor tese de teledetección de 2021. Na sexta edición destes Premios, que concede o capítulo español do IEEE-GRSS (Sociedade de Xeociencia e Teledetección) do prestixioso IEEE (Institute of Electrical and Electronics Engineers, unha asociación mundial de enxeñeiros dedicada á normalización e o desenvolvemento en áreas técnicas), o xurado quixo remarcar a calidade dos traballos presentados, destacando que «supuxeron interesantes achegas ao campo científico da computación, así como ao do sensado remoto».

«Sempre é gratificante que recoñezan o teu labor, e especialmente cando se trata dun premio á túa tese, xa que se trata dun traballo de investigación de varios anos», conta Álvaro Ordóñez. O investigador reflexiona tamén sobre o valor do traballo en equipo: «vexo o premio como un recoñecemento non só a nivel persoal, senón grupal, xa que nunha tese os directores teñen tamén un papel importante, e ao final o premio é un indicador de que estamos no bo camiño», explica.

Aproveitar a riqueza dos datos

A tese de Álvaro Ordóñez, titulada 'Efficient Registration of Multi and Hyperspectral Remote Sensing Images on GPU' e dirixida polos profesores da USC Dora Blanco (investigadora vinculada do CiTIUS) e Francisco Argüello, abordou durante os últimos anos o desenvolvemento de algoritmos eficientes para aliñar automaticamente imaxes multi e hiperespectrais de teledetección.

A idea orixinal xurdiu da necesidade de dispoñer de algoritmos que permitisen aproveitar a gran cantidade de información contida neste tipo de imaxes: tratábase de desenvolver ferramentas capaces de procesar a enorme cantidade de datos que se captura diariamente sobre o noso planeta, tanto desde satélites como desde UAVs (drons) ou avións. «Para sacar partido de toda esa información, temos que aliñar imaxes tomadas en distintas datas e desde distintas plataformas, en multitude de aplicacións... por exemplo, para realizar agricultura de precisión, ou para observar a evolución de catástrofes naturais», explica Álvaro.

A investigación realizada durante esta tese quedou plasmada na publicación de diversos algoritmos que son quen de aproveitar a información espectral e espacial para obter aliñamentos mellores e, ademais, facelo nun tempo de computación moi reducido, grazas ás implementacións paralelas realizadas en GPUs NVIDIA e clústers de computación de altas prestacións.

O acto de entrega dos premios terá lugar hoxe venres, 3 de marzo, ás 17:00, ao longo dun evento online, no que os premiados farán unha breve retrospectiva das súas carreiras académicas e liñas de investigación.