O CiTIUS presenta nova páxina web, unha imaxe completamente renovada para adaptarse aos novos medios dixitais e reforzar o seu compromiso como referente da IA en Galicia

Dez anos despois da súa inauguración no Campus Vida da Universidade de Santiago de Compostela (USC), o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) muda de identidade corporativa e publica nova páxina web, nun esforzo por aproveitar as oportunidades dos novos medios dixitais e mellorar a súa proxección pública como centro de investigación de referencia galego no eido da Intelixencia Artificial (IA).

Deseño moderno e vangardista, personalidade propia ben definida e unha estética tecnolóxica aliñada coa competencia no terreo internacional. Tras dez anos como referente en investigación no eido das tecnoloxías intelixentes, o CiTIUS presenta a renovación dos seus principais elementos de imaxe (páxina web e identidade asociada), na procura dunha maior transparencia, unha mellora da comunicación e, en definitiva, un maior compromiso coa sociedade.

O director científico do CiTIUS, Senén Barro, explicaba esta decisión como «unha aposta por proxectarnos ao resto do mundo coa mesma ambición coa que o facemos a nivel científico». «Somos o centro de investigación de referencia en IA de Galicia, e todo o que facemos ten que estar en consonancia con iso», sinala o catedrático de IA.

A renovación coincide co décimo aniversario do CiTIUS, unha efeméride que dará pé a distintas celebración ao longo do ano, pero que non explica por si soa esta aposta: «a nosa nova web non é só unha resposta á nova imaxe do centro, nin un modo de acompañar o noso décimo aniversario», afirma Barro. «É sobre todo unha aposta por dar máis e mellor información aos nosos axentes de interese e ao conxunto da sociedade, por sermos máis transparentes, e por usar tamén esta ferramenta para a divulgación do coñecemento e o desenvolvemento tecnolóxico, en particular aquel que se deriva da nosa investigación».

A transformación visual máis perceptible desta nova etapa evidénciase no tratamento cromático: o negro substitúe ao laranxa como cor principal en tódalas aplicacións corporativas. Por outra banda, tanto o novo logotipo como a iconografía asociada téñense deseñado a partir da evocación dun bit, representado xeométricamente nun cadrado de aspecto dixital, case ‘robótico’.

O cambio enmárcase tamén no novo plan de comunicación do CiTIUS para o período 2022-2025, concibido para apoiar e reforzar os obxectivos do Plan Estratéxico do centro, como son unha maior internacionalización e a mellora das capacidades de captación de talento, con especial atención ao público máis novo e a promoción da figura de muller no sector das Tecnoloxías Intelixentes.

Desde a súa chegada ao Campus Vida a finais de 2012, o CiTIUS asumiu a misión de dar a coñecer o labor desempeñado polo equipo investigador do centro, servíndose para iso das ferramentas dispoñibles en cada contexto histórico: tanto a través das canles máis estandarizados (notas, comunicados de prensa) como sacando partido dos medios dixitais que foron xurdindo ao longo dos anos (redes sociais, novas oportunidades de comunicación online, etc). Paralelamente, ao longo da última década desenvolvéronse tamén distintos contidos audiovisuais que axudaron a dar visibilidade á actividade do CiTIUS e a humanizar os seus resultados científicos, pondo rostro aos éxitos alcanzados polo persoal do centro.