O CiTIUS incorpora ao científico norteamericano David Glowacki, un dos líderes mundiais en Realidade Virtual

Natural de Milwaukee (Wisconsin, EE. UU.), o novo membro do CiTIUS conta cunha extensa traxectoria científica en Realidade Virtual e Aumentada. O acto de presentación terá lugar mañá martes 7 de xuño ás 11:00, no ‘GaiásTech’ (Cidade da Cultura de Galicia).

«Os recentes avances no campo da Realidade Virtual, a informática, a tecnoloxía inmersiva e a Intelixencia Artificial, fan que este sexa un momento especialmente emocionante para iniciar este programa de investigación en particular... para producir novos coñecementos de investigación, e para desenvolver novas e emocionantes formas que permitan que o público se involucre con diversas ideas científicas». Con estas palabras resumía David Glowacki (Milwaukee, 1981), a ilusión de comezar unha nova etapa da súa vida en Santiago, onde chega da man do CiTIUS** da USC e o programa de captación de talento 'Oportunius', da Axencia Galega de Investigación (GAIN). Glowacki comezará a súa andaina en Santiago iniciando o proxecto NANOVR; un ambicioso desafío científico que obtivo o respaldo do Consello Europeo de Investigación (ERC), a través dunha das súas prestixiosas axudas 'Consolidator Grant' (dotada con case dous millóns de euros).

«Estou desexando desenvolver o proxecto NANOVR, e traballar estreitamente cunha reputada rede de colaboradores europeos, para explorar novas fronteiras no campo da visualización científica inmersiva», afirma o novo investigador vinculado do CiTIUS, que o vindeiro martes (7 de xuño, 11:00, GaiásTech) será o protagonista da presentación oficial coa que o centro de investigación compostelán dará a coñecer esta nova e importante incorporación de talento.

Ademais do investigador e da dirección do CiTIUS (Senén Barro e Paula López), no acto participarán tamén Dna. Patricia Argerey, directora da GAIN(Axencia Galega de Innovación), e D. Antonio López, reitor daUniversidade de Santiago de Compostela.

Para o director científico do centro de investigación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), a satisfacción é inmensa: «a Xunta, a través de GAIN, a USC e o CiTIUS fixemos un grande esforzo para potenciar unha liña de investigación cun enorme interese para Galicia, incorporando a un dos mellores investigadores do mundo no ámbito da Realidade Virtual e Aumentada». «O potencial do tándem realidade dixital e Intelixencia Artificial é inimaxinable, e ampliará o mundo, non só replicarao dixitalmente», asegura Senén Barro. Na mesma liña manifestábase a directora adxunta do centro, Paula López, quen sinalaba que «a incorporación ao CiTIUS deste investigador e todo o seu equipo de colaboradores, entre os que se inclúe un investigador do programa de investigadores distinguidos da USC, supón un gran activo para o centro, ao reforzar a liña de IA en realidade virtual».

Pola súa banda, David Glowacki tampouco oculta o seu agradecemento a tódalas institucións involucradas: « gustaríame expresar a miña gratitude ao ERC, ao CiTIUS, á USC e á Xunta de Galicia polo seu apoio, e espero traballar con eles para establecer unha nova liña de investigación nesta área en particular». Un obxectivo en sintonía coa súa traxectoria profesional, na que o traballo con científicos de distintas disciplinas foi unha constante á hora de explorar as aplicacións da Realidade Virtual multipersonal, máis aló dos laboratorios de investigación tradicionais. «Gústame esta paradigma de investigación no que a investigación estética e a científica dialogan, empuxándose mutuamente cara a novos territorios», conta o investigador.

Traxectoria excelente, futuro prometedor

David Glowacki é o fundador dun grupo de investigación chamado 'Laboratorio de Realidades Intanxibles' (IRL, polas súas siglas en inglés), que a partir de agora terá a súa sede no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS). Desde o corazón do Campus Vida da USC, un equipo de profesionais de distintas áreas esforzaranse por levar a cabo unha investigación de código aberto e desenvolvemento de software nas fronteiras inmersivas da práctica científica, estética, computacional e tecnolóxica.

Glowacki ten traballado amplamente na aplicación da Realidade Virtual á simulación e visualización científica interactiva. As súas achegas científicas dan fe da súa versatilidade: ten publicado en ámbitos tan distintos como a física molecular de non-equilibrio, a dinámica clásica e cuántica, a bioquímica computacional, a interacción persoa-ordenador, a computación de alto rendemento, os gráficos por computador , os algoritmos evolutivos, a aprendizaxe automática e a ciencia de datos, a estética dixital, a arte computacional interactiva, a relixión e o poder, a teoría cultural, a óptica ou o desenvolvemento de instrumentos científicos.

«Interésanme as metáforas estéticas que guían a imaxinación científica», continúa. «Isto é algo especialmente importante nos ámbitos que non se poden ver a primeira ollada, onde a nosa intuición científica se guía polas representacións e metáforas estéticas que utilizamos para imaxinar fenómenos que, doutro xeito, serían invisibles», explica.

A formación multidisciplinar de Glowacki remóntase ata os seus primeiros pasos na Universidade de Pensilvania, en EE. UU, onde obtivo o seu título de grao en 2003. Alí tivo a oportunidade de estudar química, matemáticas, filosofía, literatura comparada e relixións. Posteriormente, en 2004 obtivo un máster en teoría cultural como finalista do programa Fulbright na Universidade de Manchester. En 2008, completou os seus estudos de doutoramento en física molecular na Universidade de Leeds. Recibiu numerosos premios e recoñecementos de investigación, como unha axuda de investigación da Royal Society (UK), un premio Philip Leverhulme, e recentemente unha axuda ERC do Consello Europeo de Investigación, entre moitos outros. As obras de arte computacional inmersivas nas que David Glowacki traballou ao longo dos anos foron experimentadas por máis de 200.000 persoas en tres continentes.

Entre as obras de arte ás que ten contribuído, atópanse a instalación de arte dixital "danceroom Spectroscopy", gañadora de varios premios, e a performance "Hidden Fields", que foron instaladas en varios lugares culturais e mediáticos de renome en Europa, Estados Unidos e Asia; como o Barbican Arts Centre (Londres), o ZKM | Center for Art and Media Technology (Karlsruhe, Alemaña), os Xogos Olímpicos de Londres 2012 (Londres, Reino Unido), o Instituto de Arte da Universidade de Stanford (Pau Alto, California) e o Festival Internacional de Bután (Thimphu, Bután), entre outros.

Máis recentemente, o novo investigador do CiTIUS ven amosando interese polo solapamento entre a estética subnanométrica e a estética espiritual, que ofrece unha nova e revolucionaria maneira de visualizar a natureza esencial da materia como enerxía. Unha paradigma estético que, en palabras de Glowacki , «ten demostrado ser incriblemente útil para axudarnos a desenvolver experiencias dixitais inmersivas, cuxa potencia é comparable á das drogas psicodélicas», conclúe.