O CiTIUS renova o seu compromiso coa ‘G-Night’, ponte entre cultura científica e sociedade

O centro sumarase o próximo 30 de setembro a unha nova edición da ‘Noite europea das persoas investigadoras’, un esforzo colectivo da comunidade investigadora en Galicia que contará con múltiples relatorios e talleres de divulgación.

O CiTIUS participará un ano máis na *Noite europea das persoas investigadoras * ('G-Nnight'), unha iniciativa de divulgación que terá lugar o vindeiro venres 30 nas cidades galegas baixo a lema 'Conciencias creativas' O encontro, que ten como obxectivo trasladar a ciencia ás rúas, está coordinado pola Universidade de Vigo e contará con decenas de talleres de divulgación científca e relatorios na USC, que se celebrarán tanto en Santiago de Compostela (Colexio de Fonseca) como no Vello Cárcere de Lugo.

Conectar coa sociedade

«A G -Night é unha iniciativa europea que se desenvolve de maneira simultánea en toda Europa», explica o coordinador da iniciativa en Compostela e profesor da USC, José A . Costoya. «Queremos conectar a cultura científica co resto da sociedade, ser unha especie de ponte», engade, para logo subliñar que «esta é unha iniciativa na que está involucrada o conxunto da comunidade científica galega». Así, o CiTIUS compartirá escenario nesta posta en común con outras estruturas de investigación da USC, como o CiMUS, o CiQUS, o IGFAE, o CRETUS ou o CITMAga.

Entre os contidos que o centro presentará nesta cita atópase o taller 'Scalextric-IA', que consistirá nunha carreira entre dous coches: un deles equipado con Intelixencia Artificial e o outro controlado polas persoas participantes no taller. Ademais, unha representación do proxecto europeo do CiTIUS 'NL4XAI' mostrará como as máquinas intelixentes apoiadas pola Intelixencia Artificial poden axudar a tomar decisións informadas en situacións cotiás; as persoas participantes neste obradoiro poderán desafiar á máquina sobre as súas propias decisións preguntando por que (ou por que non) estas son correctas ou incorrectas.

Pola súa banda, no taller correspondente ao proxecto europeo 'MENELAOS_NT' presentaranse cámaras que captan imaxes en 3D de xeito similar a como o fai o cerebro, mentres que na visita ao proxecto H2020 'MISEL' mostraranse os avances obtidos no procesamiento bioinspirado de imaxes, con baixo consumo de potencia e tecnoloxías de vangarda.