Noticia
28 de xuño de 2022
'Inside the lab' regresa ao CiTIUS en formato 100% presencial

'Inside the lab' regresa ao CiTIUS en formato 100% presencial

'Inside the lab', a xornada anual de demostración tecnolóxica do CiTIUS perante industria e organizacións, recupera este venres o formato presencial coincidindo co décimo aniversario do centro.

Empresas, administracións e profesionais do sector volverán atoparse este venres, 1 de xullo, durante a sétima edición de 'Inside the Lab', o encontro anual de demostración tecnolóxica do CiTIUS. Desde as 10:00, e ata as 14:00, as portas do centro volverán abrirse para recibir aos visitantes deste evento dirixido ao tecido socioeconómico, no que se darán a coñecer algunhas das tecnoloxías con selo do Centro Singular de Investigación da USC que se encontren na actualidade nun estado de maduración máis avanzado (ou o que é o mesmo: listas para ser transferidas á industria).

Entre as principais novidades desta xornada, que en 2022 recupera plenamente o formato presencial, destaca a demostración do novo investigador vinculado do centro, David Glowacki. O científico estadounidense, presentado recentemente nun acto público na Cidade da Cultura de Galicia, realizará unha demostración de seu traballo con tecnoloxías de Realidade Virtual, un ámbito que lidera a nivel mundial, e en torno ao cal estará enfocado tamén o seu primeiro desafío no centro: o proxecto 'NanoVr', financiado polo Consello Europeo de Investigación (ERC) con case dous millóns de euros.

Ademais desta demostración, os visitantes de Inside the Lab 7 atoparán tamén outros 11 puntos repartidos polo centro, con información de primeira man sobre as tecnoloxías máis punteiras do CiTIUS en distintos eidos, como o deseño de chips, a lingüística, o procesado de imaxe médica, a exploración interactiva de datos ambientais, o agrupamiento automático de series temporais, ou o mapeado e seguimento de datos mediante imaxes multi-hiperespectrais e técnicas LiDAR. De igual xeito, o encontro volverá contar coa presenza de dúas spin-off do centro: Situm Technologies e Inverbis Analytics.

A lista completa de demostradores está dispoñible na web oficial do evento, e inclúe vídeos de avance presentados polo equipo responsable de cada demostrador. Para participar en Inside the Lab 7, o único requisito é cubrir o formulario oficial de rexistro e acudir en horario libre entre as 10:00 e as 14:00 do próximo venres 1 de xullo.