Robótica, dixitalización e automatización conflúen en ROBOTA-SUDOE, un novo proxecto destinado a mellorar a calidade de vida nas rexións rurais e artesanais do sudoeste de Europa
Os investigadores do CiTIUS Juan Antonio Corrales e Saltanat Seitzhan participan na reunión de lanzamento do proxecto ROBOTA-SUDOE, unha iniciativa pioneira destinada a modernizar os sectores económicos da área do Sudoeste de Europa (SUDOE) a través da IA avanzada e a robótica cooperativa.
Os investigadores do CiTIUS Juan Antonio Corrales e Saltanat Seitzhan veñen de participar na reunión de lanzamento do proxecto ROBOTA-SUDOE, un evento que tivo lugar recentemente en Portugal. O encontro, celebrado na sede do CENTIMFE (Centro Tecnolóxico da Indústria de Moldes, Ferramentas Especiais e Plásticos) marcou o inicio dunha iniciativa pioneira destinada a modernizar os sectores económicos da área do Sudoeste de Europa (SUDOE), centrándose especialmente na industria agroalimentaria e os plásticos. Un novo e significativo reto de investigación que contará coa participación do CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela).
Avanzando
O obxectivo principal do proxecto ROBOTA-SUDOE é mellorar a competitividade e o crecemento das pequenas e medianas empresas (pemes) a través de solucións cooperativas innovadoras, mediante a integración da robótica, a dixitalización e a automatización. Coa experiencia colectiva e a cooperación de tódolos socios, o proxecto ten como obxectivo crear avances tecnolóxicos significativos que beneficiarán a diversas industrias. Estas solucións están deseñadas para abordar os desafíos locais e promover a sustentabilidade ambiental. Aproveitando técnicas avanzadas de IA e tecnoloxías de vangarda, o proxecto busca levar a innovación aos territorios tradicionalmente artesanais e menos desenvolvidos, mellorando así a calidade de vida e facendo máis atractivo e viable o espazo SUDOE -especialmente as súas zonas rurais-.
Juan Antonio Corrales, investigador responsable do proxecto no CiTIUS, salientou a importancia desta nova posta en común, afirmando que «o proxecto ROBOTA-SUDOE representa un paso crucial cara á innovación tecnolóxica en rexións tradicionalmente desatendidas: ao aproveitar a IA avanzada e a robótica cooperativa, o noso obxectivo non só é impulsar a competitividade das pemes, senón tamén mellorar a calidade de vida nas zonas rurais». En canto ao papel que xogará a Universidade de Santiago de Compostela, Corrales explica que «o CiTIUS contribuirá ao desenvolvemento e implementación de novas aplicacións robóticas».
O proxecto prevé a creación dunha rede sólida para o intercambio de coñecementos e a transferencia de tecnoloxía ás pemes. «A cooperación transnacional é un elemento clave de ROBOTA-SUDOE, xa que os sectores e retos abordados son comúns a través das fronteiras», sinalan desde o proxecto. «Os diversos coñecementos e habilidades das entidades participantes son complementarios, o que garante que os esforzos conxuntos conduzan a solucións máis efectivas e innovadoras», conclúen estas fontes.
Entre os resultados esperados figura a creación de robots cooperativos para diversas aplicacións, como o corte de carne, o empaquetado de froitas e a ensamblaxe de bonecas. Ademais, o proxecto planea establecer tres "laboratorios viventes" para mostrar e promover estas solucións en diferentes sectores e pemes da rexión.
Apuntes sobre o ‘kick-off’
A reunión inicial proporcionou unha plataforma para que os socios discutisen os obxectivos, os desafíos e as accións iniciais do proxecto. Entre os principais participantes atopábanse CENTIMFE (Centro Tecnológico da Indústria de Moldes, Ferramentas Especiais e Plásticos), C-MAST (Centro de Ciencia y Tecnologías Mecánicas y Aeroespaciales), Cerfundão (Embalamento e comercialização de cereja da Cova da Beira), AIJU (Instituto Tecnolóxico de Producto Infantil e Ocio), INDUSTRIA AUXILIAR JUEMA S.L., CiTIUS-USC, Centro Tecnolóxico da Carne, Clermont Auvergne INP e CIMES.
O evento foi unha oportunidade para o intercambio intelectual e a colaboración, preparando o escenario para o traballo innovador que se aveciña e subliñando o compromiso de todos os socios no avance das tecnoloxías de robótica e automatización dentro da rexión SUDOE.