Conclúe con éxito o proxecto internacional ELBA, coordinado pola USC e liderado polo CiTIUS

Os investigadores do centro David E. Losada e Tomás F. Pena pon fin en Eslovenia a un proxecto financiado pola Unión Europea para mellorar a capacitación de numerosas universidades asiáticas Central no ámbito do Big Data Analysis.

A Facultade de Matemáticas, Ciencias Naturais e Tecnoloxía da Universidade de Primorska (FAMNIT, Eslovenia), acolleu recentemente a reunión final do proxecto ELBA; unha iniciativa internacional liderada desde a Universidade de Santiago polo investigador do CiTIUS David E. Losada, que viaxou á cidade de Koper para participar neste último encontro xunto ao seu colega no centro Tomás Fernández Pena e Sami Ashour, técnico da área de Promoción e Estratexia Científica da Universidade de Santiago de Compostela.

O proxecto ELBA desenvolveuse ao longo do últimos tres anos baixo o auspicio da Comisión Europea (CE), principal ente financiador a través do programa de axudas Erasmus+-. O seu principal labor foi o de mellorar a capacitación e formación de investigadores europeos e asiáticos en todas aquelas cuestións relacionadas coa análise de grandes cantidades de datos (Big Data Anaytics), como son a formación do profesorado, a creación de laboratorios dedicados ou o establecemento de redes de networking, entre outras.

No marco de ELBA  ('Establecemento de centros de formación e investigación e desenvolvemento de cursos sobre análise intelixente de macrodatos en Asia Central', polas súas siglas en inglés), participaron especialistas de alto perfil procedentes de universidades de Usbequistán, Kazajistán, Kirguizistán e Taxiquistán, compartindo en todo momento un obxectivo común: pór en marcha un paquete multidisciplinar de cursos modulares para estudantes de grao e máster nas 10 universidades asociadas de Asia central.

«Ao longo destes tres anos tivemos a oportunidade de coñecer as metodoloxías docentes e de investigación dun bo número de universidades en Asia Central», afirma David Losada, principal responsable do proxecto; «xunto cos outros dous socios europeos en Eslovenia e Italia» (Universidade de Primorska e Politécnico de Torino), «fomos quen de achegar valor engadido a estas institucións no campo do Big Data Analysis a través da formación do seu persoal e a nosa participación activa na supervisión dos seus investigadores, así como no deseño de novas redes de colaboración entre as distintas universidades e centros tecnolóxicos ou de investigación».

O investigador do CiTIUS facía un balance positivo dos resultados de ELBA tralareunión de peche do proxecto: «en Koper foi moi satisfactorio coñecer o estado actual dos avances nas universidades de Kazajistán, Usbequistán, Kirguizistán ou Taxikistán», explica. «Moitas delas produciron significativos avances nos seus plans de estudos para dar acubillo ás suxestións e melloras que fixemos desde as universidades europeas do consorcio, o que impactou a distintos niveis, desde a creación de novas materias en estudos xa existentes, ata a creación de perfís de especialización totalmente novos nos seus estudos de grao ou máster», destaca.