CiTIUS: Tecnoloxías Intelixentes en cada paso

O CiTIUS forma parte dos 8 centros de investigación que foron acreditados como Centro de Investigación de Galicia no marco do programa de axudas para a acreditación, estruturación e mellora dos centros de investigación do Sistema Universitario de Galicia. Este Programa, dependente da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia, está cofinanciado pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, co obxectivo temático de promover o desenvolvemento tecnolóxico, a innovación e unha investigación de calidade.

Obxectivos

Os obxectivos do CiTIUS para o período de vixencia da axuda estrutúranse en 2 categorías:

  • Estratéxicos, que consisten nos obxectivos e accións do Plan Estratéxico 2020-2023. O seu principal obxectivo é o impulso á especialización do CiTIUS no ámbito das Tecnoloxías Intelixentes e o aliñamento da actividade do centro mediante un proxecto científico integrador.
  • Científicos, asociados ao proxecto estratéxico de investigación do Centro titulado Tecnoloxías Intelixentes en cada paso. Este proxecto pretende dar resposta a algúns dos retos científicos no ámbito das Tecnoloxías Intelixentes ao longo dos vindeiros anos.


O proxecto no seu conxunto exponse dende unha visión integradora e multidisciplinar que procura ampliar o alcance e impacto dos resultados agardados e que atañe ao centro no seu conxunto. Este proxecto estratéxico contribuirá á mellora da actividade do CiTIUS no seu conxunto, mediante a internacionalización da actividade, a valorización e transferencia de resultados, a formación, atracción e desenvolvemento de talento, así como a divulgación de toda a actividade científica.

PO FEDER Galicia 2014-2020 “Unha maneira de facer Europa”