iRead4Skills: Sistema Intelixente de mellora da lectura para o desenvolvemento de competencias fundamentais e transversais

O proxecto iRead4Skills ten como obxectivos principais:

  • Avaliar e reducir as carencias en competencias lectoras dos adultos con baixo nivel de alfabetización para o desenvolvemento de competencias fundamentais e transversais mediante i) o establecemento e seguimento da relación entre a mellora das competencias lectoras e a mellora doutras competencias fundamentais (como a aritmética ou as TIC) e transversais (competencias técnicas, de comunicación, de traballo en equipo, en linguas estranxeiras, de trato co cliente, de resolución de problemas, de aprendizaxe e de planificación e organización), así como a motivación, a cidadanía e o benestar; ii) proporcionar un sistema de lectura intelixente que avalíe a complexidade dos textos e suxira lecturas adecuadas en función do nivel de alfabetización do usuario. O sistema tamén se utilizaría para axudar aos formadores e produtores de textos a crear ou adaptar textos co nivel de complexidade adecuado en relación cos lectores aos que van dirixidos.
  • Apoiar a adopción e difusión de innovacións no modo en que os adultos con baixo nivel de alfabetización adquiren e manteñen competencias transversais e duradeiras, que se axusten ás necesidades sempre cambiantes do mercado laboral, mediante o desenvolvemento e a posta en funcionamento dun sistema de acceso aberto, dispoñible tanto para formadores como para alumnos, que permita unha formación e un desenvolvemento de competencias avanzadas habilitadas dixitalmente.

A capacidade de lectura é fundamental para adquirir coñecementos técnicos e científicos, xa sexa en contextos de educación e formación formais, como a Aprendizaxe de Adultos, xa sexa en contextos de traballo prácticos e empíricos, ou cando as empresas proporcionan por escrito información e/o instrucións específicas aos seus traballadores. As persoas cun baixo nivel de alfabetización son menos capaces de adquirir e manter as competencias transversais e duradeiras necesarias para seguir o ritmo dos cambios do mercado laboral e levar unha vida plena e con sentido.