A plataforma SIRIUS obtén dúas patentes nos Estados Unidos

Unha investigación coordinada entre as universidades da Coruña e Santiago (UDC-USC) e o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) permitiu validar a plataforma SIRIUS como ferramenta para calcular o Índice Arterio-Venoso (IAV) un indicador de grande utilidade no tratamento de enfermidades con alta incidencia social, como a hipertensión ou a diabetes.

No proxecto participaron integrantes do grupo VARPA (Grupo de Visión artificial e Recoñecemento de Patróns - Universidade da Coruña), investigadores do CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información - Universidade de Santiago de Compostela) e médicos do CHUS (Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela).

SIRIUS (System for the Integration of Retinal Images Understanding Services - Sistema para a Integración de Servizos de Procesamento de Imaxes de Retina) é unha nova plataforma que permitirá a detección temperá de patoloxías asociadas a distintas enfermidades, facilitando o seguimento de pacientes crónicos. O seu funcionamento baséase na análise e procesado automático de imaxes da retina, co obxectivo de detectar calquera alteración reflectida na súa micro-vasculatura -é dicir, nos vasos sanguíneos situados no fondo do ollo-.

O Índice Arterio-Venoso (IAV), unha relación entre o grosor medio das arterias con respecto ao das veas máis próximas, foi ata hoxe un indicador moi pouco utilizado entre os profesionais da comunidade médica, debido principalmente á complexidade asociada ao seu cálculo; obter unha media do calibre dos vasos sanguíneos oculares requiría a dedicación exclusiva dun oftalmólogo para seleccionar e procesar manualmente a información, o que se traducía nun elevado custo de recursos dedicados por parte do sistema de saúde, facendo o método inviable.

A principal achega de SIRIUS é que logra automatizar este proceso: a partir dunha retinografía en cor, a aplicación aborda a detección automática do disco óptico, a selección dos vasos oculares e a medición do seu calibre, clasificándoos en arterias ou veas segundo a súa intensidade cromática e posición no globo ocular -tal e como faría un médico especialista-. A análise satisfai tamén unha demanda á que os facultativos conceden especial importancia: trátase dun proceso «repetible», que logra igualar os resultados das medicións practicadas, con independencia do número de veces que estas se realicen.

Deseñado de forma modular e centralizada, o sistema conta cunha base de datos onde se almacena toda a información achegada de xeito remoto polos médicos, a través dunha plataforma distribuída accesible dende calquera navegador. Esta versatilidade facilita a identificación instantánea de posibles complicacións, funcionando como alarma en caso de que se produza unha evolución negativa da enfermidade.

Unha tecnoloxía, dúas patentes

A retina é a única parte do organismo na que a estrutura vascular e a circulación sanguínea poden ser observadas en vivo. Diversos estudos médicos estableceron a relación entre a microcirculación retiniana e outras patoloxías xerais, como a hipertensión, a diabete ou o alzheimer. SIRIUS non só permite monitorizar o estado dos pacientes senón que, ademais, proporciona un ámbito que posibilita a realización de estudos médicos nos que interveñan distintos centros hospitalarios.

A investigación neste eido xerou xa dúas patentes en Estados Unidos. A primeira delas integra o proceso manual ou semi-automático, coñecido así porque concede ao facultativo certa marxe de manobra. Este proceso consta, á súa vez, de dúas fases: a fase inicial, na que intervén unicamente o módulo de extracción automática de segmentos de vasos, seguindo a metodoloxía utilizada polos especialistas; e a fase manual, na que o oftalmólogo clasifica os vasos detectados como veas ou arterias, completando así os datos que o módulo utilizará posteriormente para calcular o Índice Arterio Venoso (IAV).

No caso da segunda patente os vasos sanguíneos son catalogados de xeito automático, polo que non é necesaria a intervención dun oftalmólogo. O sistema detecta se se trata de arterias ou veas e mostra os resultados ao especialista, para que verifique a selección -ou realice, no seu caso, as correccións oportunas- antes do cálculo final do IAV.

O estudo validouse a partir dun ensaio clínico con pacientes hipertensos; tras subministrarlles un medicamento utilizouse a plataforma SIRIUS para verificar a evolución do seu IAV, observando que este melloraba. A análise de resultados confirmou que os datos incorporados ao sistema correspondíanse co estado real da vasculatura ocular dos pacientes.