Alejandro Nieto, Premio Gradiant das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2013

Alejandro Nieto Lareo, investigador do CiTIUS, recolleu o pasado venres o premio concedido á súa tese polo Colexio Oficial e Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG), na súa tradicional Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información. O galardón recoñece as achegas do traballo «Dynamically Reconfigurable Architecture for Embedded Computer Vision Systems», e entregouse na XVIII edición desta gala, que reuniu a preto de 300 empresas e profesionais do sector e estivo dedicada ás TIC e á mellora da seguridade vial.

Desafíos e vantaxes

Os algoritmos e técnicas de Visión por Computador son cada vez máis robustos e precisos, ofrecendo novas posibilidades para o tratamento da información visual. Non obstante, esta mellora require un incremento das capacidades de cómputo, polo que a súa implementación en dispositivos -máis aló dos prototipos- estase a volver máis complexa. Precísanse novos enfoques que, sen afectar ás características dos algoritmos, poidan acadar solucións de compromiso en termos de velocidade, latencia, consumo de potencia ou custo.

A arquitectura desenvolvida neste traballo presenta certas características que a converte nunha plataforma idónea para a súa explotación industrial. Trátase dunha arquitectura modular e escalable, que permite reducir os custos materiais (un único dispositivo para múltiples aplicacións), e os custos de formación (os desenvolvedores só precisan coñecer unha única plataforma), acurtando deste xeito o TTM (Time to market, tempo para chegar ao mercado).

Gracias á súa escalabilidade é posible crear unha gama de dispositivos con diferentes capacidades de cómputo para axustarse ás necesidades concretas de cada aplicación, pero mantendo o mesmo patrón de funcionamento. Ademais, a súa modularidade fai posible realizar modificacións específicas para tarefas críticas que non se contemplaran na arquitectura inicial, sen modificar as bases plataforma. Por último, é posible integrar esta arquitectura tanto en hardware reconfigurable como en chips de deseño específico, permitindo axustar multitude de parámetros segundo as necesidades de cada aplicación.

Impacto social

O eido da Visión por Computador está a experimentar un gran avance en cantidade de aplicacións, número de vendas e tamaño de mercado. Dende o mundo do entretemento ás aplicacións industriais, os sistemas de Visión por Computador estanse a converter nunha peza clave, e tanto a comunidade investigadora como a iniciativa privada apostan por crear sistemas capaces de manexar escenas complexas de xeito rápido e eficiente, incrementando a súa robustez.

A arquitectura desenvolvida por Alejandro Nieto pode integrarse de xeito directo en sistemas de xestión, control de calidade e de procesos, seguridade vial, videovixilancia, robótica, etc. Sobre unha implementación básica, sen ningún tipo de optimización específica, sería posible, por exemplo, integrar un detector capaz de seguir ata sete obxectos simultáneos a unha taxa de 200 frames por segundo en imaxes de resolución media, cun consumo de potencia inferior a 7~W e un alto nivel de robustez.

O atractivo desta tecnoloxía abriu a vía da súa transferencia á industria, polo que o proceso de concesión de patentes -nacional e internacional- xa está en marcha; por outra banda, iniciáronse os contactos con diferentes empresas do tecido tecnolóxico galego para dar a coñecer os resultados da investigación. Actualmente, a tecnoloxía é o suficientemente madura como para que a transición do eido da investigación ao industrial poida realizarse de forma inmediata.