Arrinca o proxecto 'Nós', a meirande aposta autonómica a prol do galego desenvolvida na USC polo CiTIUS e o ILG

Xunta e USC formalizan unha primeira achega de 150.000 euros para iniciar os traballos de diagnose e planificación de accións xunto coa estratexia para a captación dos fondos Next Generation, unha iniciativa para situar a lingua galega na vangarda das tecnoloxías intelixentes.

O camiño cara á normalización do galego na contorna dixital que promove o ‘Proxecto Nós’ ábrese paso a través dunha primeira dotación que permitirá o inicio do proceso deseño e planificación de accións. O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira Álvarez, informaron este martes sobre o convenio que formaliza a primeira inxección económica cara á dotación de recursos dun proxecto que o reitor da USC describiu como “esencial para o futuro da lingua no contexto dixital”.  Antonio López salientou a transcendencia desta iniciativa , que busca ser “motor de dinamización da lingua, e da investigación e a industria neste ámbito a través da interrelación da tecnoloxía, a intelixencia artificial e as humanidades”.

Á súa vez, o titular de Cultura apuntou que se trata dun “proxecto ambicioso, de país, pensado para o curto, medio e longo prazo e no que resulta imprescindible un apoio público que garanta chegar alá onde o mercado non chega”.

O convenio de colaboración entre ambas institucións supón un primeiro investimento de 150.000 euros que dará á definición, o deseño e planificación da proposta inicial da estratexia de actuación e da captación de fondos europeos cos que a Xunta de Galicia pretende que o ‘Proxecto Nós’ alcance os 15,5 millóns de euros.

De xeito coordinado e colaborativo, o CiTIUS e o Instituto da Lingua Galega (ILG) desde a USC, e a propia Xunta, mediante a Secretaría xeral de Política Lingüística, do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e da Amtega, comezarán coa catalogación dos recursos dispoñibles para levar a cabo a planificación das diferentes partes do ‘Proxecto Nós’ en dúas grandes áreas: procesamento de voz e procesamento de texto. Neste proceso, definiranse os equipos de traballo, as estratexias de coordinación entre eles e metodoloxías de seguimento e avaliación da calidade, tanto dos recursos como das ferramentas resultantes.

Asistentes de voz e teleasistencia avanzada

A finalidade última do ‘Proxecto Nós’ é situar o galego na vangarda da intelixencia artificial e das tecnoloxías lingüísticas para posibilitar o uso natural desta lingua nas interaccións dixitais entre as persoas e os dispositivos tecnolóxicos. A iniciativa  busca desenvolver unha ampla variedade de recursos lingüísticos dixitais de calidade en galego, gratuítos e en código aberto para que poidan ser empregadas pola cidadanía e por todo tipo de empresas e institucións, posibilitando o acceso en lingua galega a un gran abano de produtos dixitais presentes pero tamén futuros.

Nesta liña, o proxecto traballará cara á presenza do galego en asistentes de voz, subtitulación automática de contidos audiovisuais, apoio ao diagnóstico médico, servizos de teleasistencia avanzada, tramitación administrativa a través de asistentes virtuais, entre outros desenvolvementos.