Crean 'DenTiUS Plaque', unha ferramenta baseada en técnicas de análise de imaxe para o control da placa dental bacteriana

O novo software, desenvolvido polo equipo da investigadora do CiTIUS María José Carreira e o grupo 'Oral Sciences Research Group' (OSRG), coordinado pola profesora Inmaculada Tomás, «pode representar unha mellora na contorna clínica e na calidade metodolóxica dos estudos de investigación».

Nun test de uso realizado por profesionais da Odontoloxía, estes recoñeceron que o software DenTiUS Plaque podería ser unha ferramenta moi útil para a cuantificación dos niveis de placa dental. Existen diversos índices clínicos tradicionais, que se aplican habitualmente tanto no ámbito clínico como no investigador, para cuantificar a placa dental. “Con todo, estes índices presentan importantes limitacións. Ao tratarse de avaliacións mediante exame visual asócianse a unha elevada subxectividade e ao ser determinacións semicuantitativas son altamente imprecisas”, continúan.

Respecto á coherencia biolóxica dos novos índices derivados da análise de imaxe realizada por DenTiUS Plaque, o persoal investigador, aplicando un modelo de crecemento de placa dental in situ de cinco días, avaliou a validez destes índices, comparando os resultados cos obtidos cun índice clínico convencional. En canto ao grao de correlación entre os índices convencionais e o índice API (área por intensidade) do software DenTiUS Plaque, os días un, dous e tres de acumulo de placa dental revelaron correlacións moi altas entre os dous sistemas. Con todo, nos días en que houbo pouca ou excesiva acumulación de placa, os días cero e catro, respectivamente, a relación entre os dous métodos de medición non foi óptima, o que pon de manifesto as limitacións do índice convencional e a conveniencia de aplicar os índices de DenTiUS Plaque.