Daniel Cores representa ao CiTIUS na 'Galicia Maker Faire'

O evento reúne aos mellores creadores galegos en Santiago por segundo ano consecutivo, co gallo de potenciar unha comunidade innovadora e colaborativa.

Na súa presentación, Daniel Cores exporá o proxecto no que traballa na actualidade, centrado na reconstrución 3D de contornas, e que conta cunha dobre finalidade: por unha banda, conseguir deseñar un mapa 3D no que un robot (máis concretamente un dron, neste caso) poida localizarse e navegar de forma autónoma, esquivando posibles obstáculos; doutra banda, a súa investigación pretende crear igualmente un mapa de gran calidade, que poida servir non só para tarefas de visualización (en eidos como a inspección de estruturas, a reconstrución de monumentos, etc), senón tamén para dar entrada a outros sistemas capaces de operar sobre este tipo de modelos 3D.

As principais liñas deste traballo, avanzadas na última edición de Inside the Lab, desenvólvense no marco do proxecto DronePlan: Planificación del movimiento, SLAM y tracking para UAVs, que ten como obxectivo desenvolver sistemas de planificación de movemento para Vehículos Áereos Non Tripulados ('UAVs', polas súas siglas en inglés), cos que xestionar a incerteza asociada ao control e os sensores, permitindo así integrar os obstáculos móbiles da contorna co fin de evitalos, seguilos, ou realizar despegues e aterraxes desde plataformas móbiles.

Un escaparate para a transmisión de coñecemento

O 17 de outubro de 2015, as rúas do Centro Comercial Área Central acolleron a primeira Compostela Mini Maker Faire, á que asistiron máis de 18.200 persoas; un éxito de público que converteu este encontro na terceira Faire máis concorrida de Europa, só superada por Roma e París. Tralo éxito da primeira convocatoria, os seus promotores abordan un ano máis tarde a organización dunha feira de meirande alcance (unha Maker no canto dunha Mini Maker), que por primeira vez estenderase a toda a Comunidade Autónoma, co propósito de divulgar o coñecemento e tender pontes con outras comunidades de 'facedores' (makers).