Dora Blanco ingresa no 'Steering Committee' do congreso Euro-Par

O comité contará desde este ano con dous científicos do centro entre os seus membros trala invitación formal á investigadora a formar parte deste órgano de decisión.

A 23ª edición de Euro-Par, un encontro de primeira magnitude científica avalado pola súa clasificación A no ránking CORE, chegou este verán a Santiago de Compostela promovido polo Grupo de Arquitectura de Computadores do centro, co investigador Francisco Rivera como máximo responsable da organización; un papel que, do mesmo xeito que en edicións previas, confirmou o seu ingreso automático como novo membro deste comité -máis coñecido como 'Steering Committee'-.

Non obstante, a novidade en Euro-Par 2017 chegou ao coñecerse o nomeamento adicional da científica Dora Blanco, que durante a última edición exerceu como corresponsable dos dez workshops celebrados en paralelo á conferencia xunto ao actual presidente do comité, Luc Bougé.

Trala aceptación formal da proposta, a investigadora do CiTIUS convértese así en novo membro por invitación do comité, sendo ademais a única muller que forma parte del. Entre as principais tarefas asignadas inclúese a de impulsar o papel dos workshops en colaboración co comité, supervisando a súa organización local durante as próximas edicións da conferencia.

A próxima edición de Euro-Par, que se celebra anualmente, terá lugar en Turín en agosto de 2018.