ECAI2020, o encontro científico máis importante de Europa sobre Intelixencia Artificial, atraerá na súa primeira edición dixital a milleiros de asistentes

O Comité Organizador da 24º edición de ECAI (‘Conferencia Europea en Intelixencia Artificial’, polas súas siglas en inglés), anunciou hoxe a celebración en versión dixital deste congreso a partir do 29 de agosto. O encontro de refererencia mundial, organizado polo CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela), desenvolverase como un evento dixital por primeira vez no seu medio século de historia.

Os organizadores da 24ª European Conference on Artificial Intelligence (ECAI) anunciaron hoxe que o congreso científico bienal de referencia en Europa terá lugar nas datas previstas -finais de agosto-, pero nun formato dixital. «É a primeira vez que este congreso se realizará en dixital nos seus case 50 anos de vida e será un evento histórico, con máis contidos e participación cá nunca», afirma o presidente do Comité Organizador do congreso, Senén Barro. O director científico do CiTIUS, institución organizadora, asegura que esta reformulación terá un impacto moi positivo sobre o número de asistentes: «agardabamos un milleiro de persoas en Compostela e agora serán varios miles os que poderán participar».

A Covid-19 está a provocar cancelacións ou atrasos na celebración deste tipo de eventos en todo o mundo -nalgúns casos, mesmo de anos-. Con todo, este non será o caso de ECAI2020, que agora se transforma nun congreso dixital (Digital ECAI2020), mais concibido cun formato innovador, interactivo e capaz de axuntar contidos do máis alto nivel científico, con espazos expositivos e formativos, salas de debate e mesmo eventos sociais. Un encontro que marcará un antes e un despois, non tanto polas circunstancias que impón a pandemia como polas oportunidades que permiten as tecnoloxías actuais.

Adaptarse ás circunstancias

A organización de ECAI 2020 tomou esta decisión tras unha minuciosa análise da situación derivada da pandemia no mundo, co obxectivo de garantir a celebración da conferencia, pero sen as severas limitacións e riscos que suporía a súa organización presencial. «Hai uns anos isto non tería sido posible, pero hoxe as tecnoloxías dispoñibles, algunhas delas propias mesmo do ámbito da Intelixencia Artificial, permitirannos organizar un congreso cunha participación que será varias veces maior á que esperabamos na súa versión presencial», afirman fontes da organización.

«Nos vindeiros días e semanas iremos desvelando novidades que sen dúbida sorprenderán gratamente á comunidade científica internacional e a todas as persoas e organizacións que se sumaron a ECAI2020, no que agora é unha iniciativa absolutamente singular, tamén polo seu formato», adiantan xa desde o CiTIUS.

Maior duración, máis contidos e unha meirande interacción

Un dos primeiros cambios que asumirá Dixital ECAI2020 será a súa duración, xa que o programa estenderase tres días sobre o calendario previsto. Deste xeito, os contidos do congreso repartiranse entre o 29 de agosto e o 8 de setembro, nas franxas horarias mellor adaptadas á disparidade de fusos en todo o mundo, algo moi importante nos eventos de ámbito global.

Digital ECAI2020 contará con relatores da elite científica mundial en Intelixencia Artificial, cuxas charlas serán en directo. A presentación de traballos científicos ( un de cada catro artigos foi aceptado, dun total de máis de 1.500 propostas recibidas) consistirá nun vídeo pregravado polo autor, que poderá ser visionado en calquera momento e dará lugar a un debate en directo a través de videoconferencia, ademais dunha canle de texto (chat); a principal vantaxe deste chat é que non só estará activo durante o debate en directo, senón tamén de maneira asíncrona, unha vez que o encontro remate. As sesións puramente científicas convivirán no espazo virtual da conferencia con tutoriais, reunións de mozos e mozas investigadores/as con científicos sénior, espazos expositivos, unha selección das startups máis innovadoras, debates sobre a política europea en IA ou os pavillóns de distintos patrocinadores, entre outros moitos contidos.

Finalizada a conferencia, Digital ECAI2020 permitirá o acceso indefinido e gratuíto aos seus contidos principais, en particular aqueles de carácter científico, en liña co compromiso da Asociación Europea de Intelixencia Artificial (EurAI), entidade que auspicia o congreso e que agrupa ás asociacións de IA dos distintos países de Europa.

Un programa social cheo de sorpresas

En liña coa actividade habitual dos congresos presenciais, Digital ECAI2020 contempla tamén a celebración de eventos sociais interactivos en vivo, nos que os asistentes terán ocasión de participar activamente. Así, algunhas das sorpresas que agardan aos participantes deste congreso incluirán, entre outros contidos, unha xornada polo Camiño de Santiago, concertos musicais, un percorrido histórico pola Universidade de Santiago de Compostela, ou mesmo coñecer algúns dos pratos máis singulares da gastronomía galega a través dunha visita en vivo ao Mercado de Abastos, situado no casco antigo da cidade de Santiago de Compostela.