‘GaiásTech’: poñendo o talento ao servizo das ideas

Senén Barro, director científico do CiTIUS, asistiu hoxe como relator convidado á presentación oficial do centro ‘GaiásTech’, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Modernización Tecnolóxica (AMTEGA).

Na procura dunha transformación dixital enfocada nas persoas

O centro GaiásTech que hoxe inicio a súa actividade na Cidade da Cultura de Galicia actuará como un espazo para a demostración e experimentación en tecnoloxías avanzadas, así como de concentración do coñecemento ao servizo da transformación dixital das empresas, das administracións e da sociedade galega.

O centro estará á disposición das máis de 3.800 empresas tecnolóxicas de Galicia e das máis de 24.000 persoas profesionais do sector TIC da nosa Comunidade. Terá tamén a función de fomentar as vocacións tecnolóxicas e a promoción e retención do talento dixital en Galicia.

GaiásTech será un escenario central para a posta en marcha da Estratexia Galicia Dixital 2030, especialmente do seu eixo transversal, que ten o obxectivo de promover a especialización tecnolóxica a través do reforzo das capacidades e infraestruturas dixitais da Comunidade.