GALiWeather é recoñecida como a mellor aplicación no Congreso Español de Intelixencia Artificial

O equipo do CiTIUS formado polos investigadores Marc Fresquet, Alejandro Ramos e os profesores Senén Barro e Alberto Bugarín acaba de ser recoñecido co Primeiro premio CAEPIA-APP na XVI Conferencia da Asociación Española para a Intelixencia Artificial (CAEPIA), un foro bienal aberto a investigadores de todo o mundo para presentar e discutir os últimos avances científicos e tecnolóxicos no ámbito da Intelixencia Artificial.

O xurado concedeu así o maior galardón ao traballo dos investigadores do centro: unha nova app para trasladar aos usuarios de dispositivos móviles a ferramenta GALiWeather, integrada desde hai meses nos sistemas de MeteoGalicia. A partir de agora non será necesario acceder directamente á web do servizo de meteoroloxía autonómico, xa que esta nova aplicación –que estará dispoñible de maneira gratuita para usuarios de Android-  facilita o acceso aos datos de predición meteorolóxica en linguaxe natural a través de smartphones ou tablets.

O premio concedido aos investigadores do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información da USC (CiTIUS) é un recoñecemento á súa aportación científica no marco dos obxectivos plantexados neste importante congreso.

CAEPIA, un foro de vangarda

A XVI edición (CAEPIA’15), celebrada en Albacete do 9 ao 12 de novembro serviu, ademais, para facilitar a diseminación de novas ideas e experiencias, fortalecer os vencellos entre os distintos grupos de investigación, promover o trasvase de coñecemento entre novos investigadores e grupos consolidados, e axudar a difundi-los novos desenvolvementos cara a sociedade.

Co firme propósito de favorecer que os estudantes de doutorado poidan interactuar con outros investigadores, os responsables do programa organizaron unha serie de Simposios e Xornadas asociadas xunto a sesión principal, cuxa temática recolleu aspectos emerxentes, cuestións de relevancia e singularidade especial, así como retos e outros aspectos multidisciplinares da IA. Ademais, CAEPIA’15 incluiu sesións formadas por traballos relevantes publicados recentemente (key works), tanto en revistas coma en foros de recoñecido prestixio.